O PP traslada o seu congreso de Pontevedra a Silleda para esquivar as protestas das preferentes

Manifestación dos afectados polas preferentes na Coruña © Daniel Candal

O PPdeG pecha este sábado o seu ciclo de congresos provinciais co cónclave de Pontevedra, que reelixirá na presidencia a Rafael Louzán. O tamén presidente da Deputación de Pontevedra vén censurando dende hai días das protestas das persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas porque, ao seu xuízo, cómpre distinguir entre "vítimas" e "axitadores profesionais" que son quen, ao seu xuízo, inspiran as mobilizacións. Unha destas protestas íaa atopar o propio Louzán ante o seu congreso, que se ía celebrar no centro social Novagalicia Banco da cidade de Pontevedra. Pero, a última hora, o PP cambia de ubicación.

Finalmente, segundo vén de informar a dirección provincial dos conservadores, o congreso vaise celebrar nun lugar notablemente afastado da capital provincial e tamén máis controlable para as forzas de seguridade: o auditorio do recinto feiral de Silleda. Segundo a secretaria do partido, Begoña Estévez, a formación detectou "problemas para garantir a seguridade" xa que a confluencia da protesta e do congreso ía provocar que "coincidisen nun espazo moi pequeno e con problemas de accesos milleiros de persoas".

Louzán considerou que as protestas están impulsadas por "axitadores profesionais"

A manifestación de Pontevedra ía ser a primeira gran convocatoria dos afectados polas preferentes tras coñecer a quita que lles vai aplicar o FROB ou, o que é o mesmo, cantos cartos van perder dos seus aforros. Hai poucos días, ao anunciaren as protestas, as Plataformas de Afectados polas Preferentes e Subordinadas aludían directamente a Louzán para considerar as súas valoracións "un cúmulo de despropósitos e mentiras" que evidencian "o nerviosismo dos dirixentes do PP, acurralados polas súas propias mentiras e promesas electorais incumpridas, ante a inminencia do previsible estoupido social".

O cambio de ubicación do congreso do PP de Pontevedra semella non ser a única cautela dos conservadores ante as crecentes protestas das preferentes. Este mesmo venres a Xunta anunciaba a intervención do presidente, Alberto Núñez Feijóo, nun acto sobre turismo en Baiona con apenas unha hora e media de antelación. O evento, celebrado no parador turístico da vila, estivo blindado por un fortísimo despregamento policial, o que non impediu que tamén alí houbese protestas dos afectados e afectadas.

 

Feijóo, Louzán e outros dirixentes do PP, no congreso do partido © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.