O PP ve "razoable" que o paro sexa un atractivo para os promotores da mina de Corcoesto

Unha das mencións ao paro nos informes da consultoría CC-BY-SA Praza Pública

A corrección política non cabe nos informes da consultoría financiada polos promotores da mina de Corcoesto. Como informou Praza Pública, a empresa Caesars Report coida que Edgewater non vai ter problema ningún para extraer ouro en Bergantiños por, esencialmente, dous factores: o "tremendo" apoio da Xunta e do Concello de Cabana e a elevada taxa de paro en Galicia en xeral e na comarca en particular, factor que dá lugar a que crear medio cento de postos de traballo convirta a compañía mineira "nun dos maiores empregadores" da zona. A xuízo dos conservadores galegos estas consideracións entran dentro do "normal".

Despois de que unha multitudinaria manifestación rexeitase o pasado domingo en Compostela os plans das multinacionais da megaminaría e o aval que lles dá o plan de actividades extractivas da Xunta, o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, foi cuestionado polo informe revelado por este diario. Na súa opinión, eses documentos non fan máis que reflectir que "entre as cousas boas" que ten o "proxecto industrial" de Edgewater "está que poida xerar postos de traballo". Polo tanto, é "razoable que se aluda aos postos de traballo que se crean para defender, neste caso, un proxecto que está condicionado a aprobación". 

Puy coida que a xeración de postos de traballo está "entre as cousas boas" que ten "o proxecto industrial" de Corcoesto

Mentres, malia ser preguntado ao respecto,  evita valorar que Edgewater considere que non vai ter "ningún problema na concesión de licenzas", precisamente polo apoio do seu partido, o parlamentario popular insiste en que a Xunta non autoriza nada que non respecte a natureza. "O Goberno tomará a decisión de acordo, fundamentalmente, coa lexislación vixente", asegura. "Estamos ante decisións que están moi reguladas, cunhas normas que claramente protexen o mdio ambiente e a saúde das persoas, normas de rango europeo incorporadas ao noso ordenamento xurídico". Por todo isto, di, está "seguro" de que " Xunta actuará conforme a dereito" e adoptando a "mellor solución dende a perspectiva do interese xeral", e dende a posibilidade de "xerar riqueza".

A oposición, contra o plan de actividades extractivas

Mentres Puy enmarca dentro do "razoable" as boas expectativas de Edgewater grazas ao paro e ao apoio gobernamental os grupos da oposición observan na manifestación do domingo un motivo máis para que a Xunta recúe. Así, como xa fixera formalmente AGE, o BNG vén de rexistrar o que xa anunciara a pasada semana, isto é, a esixencia formal de retirada do plan de actividades extractivas. A mobilización de Compostela, di o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, supuxo "unha auténtica moción de censura cidadá aos plans de converter Galiza nunha mina a ceo aberto". 

O BNG vén de reclamar formalmente a retirada do plan de actividades extractivas

Neste contexto Jorquera considera necesario "continuar nunha ofensiva política para parar o proxecto de Corcoesto" e todos os demais, toda vez que están "apostando por un modelo de características claramente coloniais, destrutor dos nosos recursos, do noso medio natural" e que ademais "destrúe máis postos de traballo dos que crea". A xuízo do parlamentario nacionalista informes como os de Caesars Report para Edgewater conteñen argumentos que "falan por si sós". Reflicten, dende o seu punto de vista, a "actitude do PP de apostar por acenturar a dependencia económica de Galiza" e "utilizar o paro como ocoartada para aplicarnos un modelo de características neocoloniais". A mina de Corcoesto, ilustra a deputada Carme Adán, crearía apenas unha cuarta parte dos postos de traballo "que se destruíron no sector da industria no último mes".

Tamén o PSdeG, a través da súa vicevoceira, Carmen Gallego, realiza unha avaliación positiva da mobilización. "Responde a unha preocupación cidadá que nós compartimos", di a parlamentaria, para quen a Xunta debe considerar que "non se pode facer unha actividade industrial que vaia contra o territorio". "Demostrámolo cando estivemos no Goberno e esa é a actitude que ter un Goberno responsable", acrecenta Gallego, para quen "os intereses xerais do país teñen que complementar as actividades privadas co interese prioritario da protección do territorio".

Adán e Jorquera explican o rexeitamento o plan sectorial CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.