"Non nos preocupa, mesmo nos reforza". Co presidente da Xunta na outra beira do Atlántico, nunha viaxe con fins económicas e sen prensa galega no entorno, este luns correspondeulle ao voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, seguir facendo fronte ás preguntas dos xornalistas sobre as repercusións das fotografías do xefe do Executivo, na súa etapa como número dous de Sanidade, co narcotraficante Marcial Dorado. O parlamentario conservador non cre que a fenomenal treboada política formada en torno ás instantáneas publicadas por El País prexudique a formación que representa. "Refórzanos" porque, ao seu xuízo, as peticións de explicacións que lanza a oposición non son "maneira de facer política, nin de defender as institucións, nin de participar en parlamentos".
Para Puy nin sequera hai nada "novo" no discurso de PSdeG, AGE e BNG. "O novo é que vaian contra a figura do presidente, porque é algo que xa vimos na lexislatura pasada, con ataques ao actual vicepresidente, ao conselleiro de Medio Ambiente, supostos pelotazos con algunha adxudicación na Costa da Morte ou a irregular adquisición por parte do PP da súa sede actual". Mentres dende os grupos dos socialistas, de Alternativa e do Bloque se seguen a rexistrar iniciativas parlamentarias para afondar na relación de Feijóo co narco encarcerado Puy considera que "a oposición saberá como axuda a que o país saia da crise", especialmente no caso do PSdeG, "que é o que ten, no seu caso, opcións de gobernar por ser o máis votado entre os que perderon as eleccións".
"A oposición saberá como axuda a que o país saia da crise", di Puy
Segundo o parlamentario conservador neste contexto cabería agardar algún tipo de rectificación pero non pola banda do seu xefe de filas, senón pola da oposición. Pero "lonxe de rectificar, están a incrementar esta oposición baseada na infamia". "É unha desgraza para o país que non teñan outro recurso que difamar e facer insinuacións para tentar danar a honra de quen preside a Xunta", censura. Todo o que chega dos grupos distintos do PP "é unha infamia que retrata a quen a fai e non a quen presuntamente é vítima desta infamia, que é o presidente da Xunta" e deixou "ben claro o seu compromiso coa transparencia e demostrou que non hai nada por tras desas fotos".
"Tería que ir ao cárcere"
Puy contestaba deste xeito ás críticas da oposición en xeral e, en particular, ás verbas do secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que nunha entrevista na Cadena SER considerou que "se Feijóo tivese negocios con Marcial Dorado" sería unha cuestión "penal" que "ao mellor" o levaría "ao cárcere". A xuízo do voceiro dos socialistas na Cámara, Abel Losada, a posición do PP sería "pura e simplemente patética se non fose polas súas terribles consecuencias para o Goberno galego". A reflexión de Vázquez, di Losada, cínguese unicamente ao plano político, o mesmo no que lle piden explicacións pola "relación impropia, inomral e indecente" do daquela "responsable da sanidade pública galega cun narcotraficante".
O PSdeG ve "patética" a reacción do PP e o Bloque volverá pedir a dimisión do presidente
Tamén o BNG abordou este luns, a preguntas da prensa, as súas iniciativas parlamentarias sobre a relación entre Feijóo e Dorado. Unha interpelación dirixida a Feijóo sobre "aspectos que quedaron sen aclarar" na súa comparecencia do mércores e a procura dun pronunciamento sobre a dimisión do presidente son algunhas das accións nas que traballa o Bloque sen que de momento, di o seu voceiro, Francisco Jorquera, "estea sobre a mesa o debate" de presentar unha moción de censura. "Consideramos que hai que seguir demandando a dimisión de Fijóo pero ímolo facer mediante outras ferramentas", explica o deputado nacionalista.