Nunca pasara. Ata agora, todos os vetos do PP á apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, sempre resultaran amortecidas tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso pola abstención e, mesmo nalgún caso, tamén pola negativa dos socialistas. Pero a votación celebrada este mércores no lexislativo galego mudou o escenario. O PSdeG, como anunciara, sumouse -previa aceptación dunha emenda- á proposta de En Marea para reclamar unha investigación técnica, pero tamén unha pescuda política nas Cortes sobre o sinistro. Así, os votos de ambos grupos e mais os do BNG uníronse por primeira vez en torno ao "si" e deixaron os conservadores máis sós ca nunca no "non". O que queda no escenario é, para o presidente da Xunta, un síntoma de "coherencia" do seu partido, se ben acolleu a mudanza socialista cun amplo catálogo de irados reproches.
O voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, argumentou durante o debate que a combinación do proceso xudicial, dunha "investigación técnica independente" aínda non realizada e mais a comisión de investigación política permitirá "dilucidar outras responsabilidades máis alá das penais", xa que "se as hai, deben ser depuradas convenientemente". Sustentou, ademais, o voto afirmativo no feito de que se aceptase a petición do novo informe técnico como condición "previa". Pero para Alberto Núñez Feijóo a explicación é máis simple e reside en que "o secretario xeral do PSOE agora se chama Pedro Sánchez" e por iso agora o PSdeG dá en "xogar coas vítimas" do accidente e mais "cos familiares" para "facer un axuste de contas" dentro do partido.
O presidente da Xunta atribúe o apoio do PSdeG a un "axuste de contas" interno e acusa os socialistas e o conxunto da oposición de "xogar coas vítimas"
O PSdeG, sentenciou o presidente tras a reunión semanal do Consello da Xunta, "mudou a súa opinión como consecuencia do cambio político en Madrid". "Pregúntenlle a eles -convidou a prensa- por que cando muda o secretario xeral do PSOE automaticamente xa se pode investigar o presidente Zapatero e ao seu ministro, o señor Blanco", xa que foron eles "os que puxeron esa liña a funcionar". Abrir esa investigación sería para titular do Goberno sinónimo de "investigar ao PSOE", e o PP non vai "utilizar as vítimas para un problema político", senón limitarse a "pedir a xuíces e fiscais que adopten coa maior celeridade" e "independencia" unha "resolución concreta" para "saber quen foron o culpable ou culpables dese accidente".
Neste contexto, Feijóo lamenta que o PPdeG fique como único partido do arco parlamentario que "mantén a palabra dada", xa que "tentamos votar a favor" de "reforzar a comisión de expertos do Ministerio de Fomento para dar absoluta obxectividade e tranquilidade" ao seu ditame. A reflexión do presidente refírese á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), cuxa ausencia de independencia na avaliación do sinistro xa fora certificada pola Audiencia Provincial da Coruña en maio de 2016, se ben só despois de que a Axencia Ferroviaria Europea se pronunciase nun ton idéntico o PP e mais o PSOE se abriron a pedir unha nova investigación técnica. Así e todo, o novo responsable da CIAF xa deixou claro o pasado marzo que esa nova investigación non entra nos seus plans.
Feijóo mantén que abrir a comisión implicaría "dubidar da decisión xudicial"; "se se quere abrir despois da sentenza, que se abra", matiza
Despois de que En Marea se negase a que a proposta se votase por puntos para propiciar así que o PP se sumase só a parte técnica o presidente proclama que apoiar a apertura neste momento dunha investigación política sería tanto como "dubidar da decisión xudicial". Neste sentido, varía uns milímetros a súa postura para indicar que "se se quere abrir unha comisión de investigación despois de ter unha sentenza, que se abra". En calquera caso, censura, a votación realizada pola esquerda non supón máis que "facer unha política dentro dun axuste de contas" e para iso, asegura, En Marea, PSdeG e BNG están a "aproveitar a dor das vítimas". "Eu o lamento, por esta falta de respecto ás vítimas", reiterou.
Blanco, disposto a comparecer
José Blanco: "Sempre estarei á disposición de poder comparecer e explicarme"
As acusacións de Feijóo a respecto dun "axuste de contas" no PSOE coas vítimas do accidente como reféns chegaban horas despois de que un dos cargos que o PP sitúa como destinatario desa eventual vinganza interna, o ex-ministro José Blanco, se amosase disposto a comparecer nesa comisión de investigación se é aberta. Durante unha entrevista na Radio Galega o que fora titular de Fomento asegurou que "sempre" estará "á disposición de poder comparecer e explicarme", xa que "a única responsabilidade que teño como ministro que fun de Fomento foi tratar de garantir o investimento para as infraestruturas de Galicia".
A votación do PSdeG non colleu por sorpresa o ex-ministro. "Coñecíaa, porque ma traslsadou o portavoz parlamentario, e respéctoa", mantivo Blanco, quen asegura ademais que "sempre" mantivo ese mesmo "respecto" polas decisións do partido en Galicia "sen ningún tipo de interferencia", agrega o actual eurodeputado.