O PPdeG lánzase á precampaña sen candidato ao non desbotar xa un adianto electoral

Xuntanza da dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

A mediados de 2012 no seo do PPdeG falábase ironicamente dunha operación alcumada "salvar al soldado Pachi". Referíanse así ao interese de Alberto Núñez Feijóo e a súa contorna por propiciar un calendario electoral que garantise que o daquela líder do PSdeG ficaba sen tempo para convocar as primarias que prometera, garantindo así que el mesmo sería candidato socialista á Presidencia do Goberno galego. Nesta liña, entre alusións ao contexto económico o 27 de agosto Feijóo anunciaba un adianto electoral para outubro que collía a oposición en plena recomposición. Tres anos despois da segunda toma de posesión do actual presidente os conservadores mergúllanse na xa lanzada precampaña galega malia careceren nesta ocasión de candidata ou candidato coñecido e entre unha profunda incerteza sobre o futuro de Feijóo.

Tras o devalo nas xerais, cos peores resultados nestes comicios en toda a historia do PPdeG, Feijóo presentou o seu balance como o mellor dos posibles dadas as circunstancias malia ficar mesmo por baixo do obxectivo que el mesmo se marcara, o de obter cando menos 12 dos 23 escanos en xogo. No entanto, entre o resto de forzas e moi especialmente dende En Marea, triunfadora do 20-D en Galicia, leuse o veredito das urnas como a fin do ciclo iniciado en 2009 e o sinal dun cambio inminente en San Caetano ao que só resta poñerlle data. Nesta conxuntura o argumento oficial dos populares veu sendo que as eleccións galegas serán cando tocan, isto é, en outubro de 2016, se ben isto xa non é tan seguro.

O PPdeG admite agora que "os tempos poden ser outros", abrindo a porta a un novo adianto electoral en Galicia

Na súa habitual comparecencia semanal ante a prensa o voceiro parlamentario do partido, Pedro Puy, sobre quen se pousan algunhas olladas como eventual substituto para Feijóo, evidenciou de novo que o presidente xa "anunciou que o previsto é convocar cando toca", se ben admite que "os tempos poden ser outros". Unha das xustificacións para cambios no calendario podería ser, por exemplo, a repetición das eleccións xerais se os partidos non son quen de pactar a formación do novo Goberno de España. Ábrese así a porta ao adianto electoral e mesmo a unha decisión que sería inédita en Galicia: diluír os comicios ao Parlamento galego nunhas eleccións a Cortes Xerais.

Os conservadores pronuncian desta volta unha palabra que ata hai ben pouco era practicamente tabú: "coalición" para seguir gobernando

Cun ollo posto nos movementos da oposición, toda ela sen cabezas de cartel como o propio PP, e o outro no panorama estatal e mais en Euskadi -as dúas últimas eleccións foron simultáneas en ambos territorios-, o propio Puy asegura que, haxa ou non anticipo, quen está en mellor "disposición" para a vitoria é o seu partido. É "optimista", asegura, porque a "fragmentación" do panorama político do país afecta máis á esquerda que á dereita, onde o PP segue a ser "dominante" malia á chegada de Ciudadanos con quen, non obstante, non se pecha a pactar se fose o caso. Así, o conservador pronuncia unha palabra ata hai ben pouco practicamente tabú no seu partido: "coalición", a que di que o PP estaría disposto a formar con "algunha outra forza" se o resultado electoral o propiciase.

Esta hipótese é para Puy máis plausible que outra "máis afastada", a dun eventual goberno liderado por En Marea co apoio do PSdeG. Nesta liña, asegura considerar unha cuestión menor que a plataforma de Anova, Podemos e Esquerda Unida superase aos socialistas nas xerais -o PSOE xa se vira superado polo Bloque nos 90, lembra-. En calquera caso, confía nas posibilidades do seu partido ao que sexa quen de "facer" no Goberno e no Parlamento -que se dispón a ficar sen presidenta pola marcha de Pilar Rojo ao Congreso-. Con esta base será o "soberano voto cidadán", evidencia, o que decida quen goberna Galicia ata 2020.

Puy, en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.