O PPdeG presentará mocións de "condena ao terrorismo" en distintas institucións

Rolda de prensa de Alfonso Rueda e Paula Prado © PPdeG

O Partido Popular anuncia que nas vindeiras semanas levará iniciativas e mocións de "condena ao terrorismo" a diferentes institucións "para que a sociedade coñeza a postura dos partidos". O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, ve "necesario comprobar se os partidos están de acordo coas manifestacións de apoio a un grupo que a Audiencia Nacional califica de terrorista ou están de acordo co sentir maioritario do pobo galego", e considera que "con certas actitudes non se pode ser tibio nin ambiguo". 

En rolda de prensa Rueda contestou tamén  ás declaracións de Xosé Manuel Beiras, nas que o voceiro de AGE lle pedía ao Partido Popular que puxese fin ao "culebrón" sobre Resistencia Galega, e criticando a sentenza da Audiencia Nacional. Rueda afirmou que as palabras de Beiras "xa non se trata de manifestacións tibias, senón de apoio a unha organización sobre a que recaeron sentenzas e cuxas accións a Audiencia Nacional cualificou de terrorismo". Segundo Rueda, “Beiras fala dun culebrón que el mesmo montou e agora parece que ten moita presa por pechalo”.

Hai unhas semanas o Partido Popular xa presentou mocións nalgúns concellos pedindo unha condena expresa dos actos violentos de Resistencia Galega. No caso da moción presentada no concello de Baralla, o debate da iniciativa deu lugar a que o PSdeG-PSOE, despois de manifestar a súa posición de “condenar calquera tipo de acto violento, veña de quen veña, como non pode ser doutro xeito”, lle esixise aos populares que fixese o propio coa violencia exercida pola ditatuda franquista. Os populares, daquela, negáronse a facelo, argumentando o alcalde Manuel J. González Capón que “os que foron condeados a morte será porque o merecían”.

Rolda de prensa de Alfonso Rueda e Paula Prado © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.