O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, expresaba este martes ante a prensa a súa confianza en que o debate de política xeral que se desenvolve estes mércores e venres na Cámara non estea condicionado pola vaga expansiva do referendo catalán nin polas primarias do PSdeG, que se celebran o vindeiro domingo. "Non debería", afirmou Santalices, quen di facer votos por que o coñecido como debate do estado da autonomía se centre en abordar "como estamos en Galicia". O certo é que a ubicación desta sesión no 4 e 6 de outubro foi elixida polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo e aprobada pola Mesa da Cámara con maioría do PP, como fixa a lei, trazando así as lindes dun escenario practicamente á medida do presidente.
Alén da vantaxe intrínseca coa que conta o xefe do Executivo neste tipo de sesións -ábrea sen límite de tempo e elixe libremente a extensión e formato dos retruques á oposición- o certo é que a cuestión catalá atravesará o debate, tal e como admiten os catro grupos que conforman o lexislativo. O bosquexo de Goberno e PP pasa por que Feijóo encarne na tribuna de oradores a "estabilidade" do seu Goberno que, en verbas do secretario xeral do partido, Miguel Tellado, xa mesmo serve como "espello" no que "cada vez máis" poboación catalá se está a ollar. Esta estabilidade, din os conservadores, "influíu na economía" e por iso o presidente vai poder anunciar rebaixas de impostos e "máis" servizos públicos.
Pero, alén das medidas concretas que Feijóo poida anunciar, as últimas sesións no propio Parlamento permiten anticipar o xeito en que se enfrontará aos grupos da oposición. Isto sucede especialmente no caso do líder de En Marea, Luís Villares, con quen mantivo un agre enfrontamento na última sesión de control. Dende hai semanas o argumentario do PPdeG sinala máis ou menos explicitamente que Villares está "inhabilitado" para volver exercer como maxistrado se así o desexa polas súas acusacións políticas ao propio Feijóo e tamén, din, por defender "ilegalidades" en Catalunya. O titular da Xunta defende que o voceiro de En Marea ten "pouco prestixio como político" e "como persoa", polo que se prevé que profunde nesa tese combinándoa, ademais, con ataques aos gobernos urbanos das mareas.
Catalunya servirá tamén como látego de Feijóo contra o BNG neste primeiro debate de política xeral da lexislatura. A liña oficial do PPdeG defende que o Bloque "non ten máis proxecto que copiar paso a paso" ao "independentismo catalán", pero a formación que lidera Ana Pontón non ten "máis futuro" que "seguir batendo récords dos seus peores resultados da historia", desdeñan.
Pola banda do PSdeG, alén de afearlle que Pedro Sánchez non se adhira ao Goberno de España tanto no ámbito orzamentario -o Goberno galego segue a manter que o atraso en proxectos como o AVE é culpa de Pedro Sánchez- como na propia cuestión catalá, o proceso de primarias será, previsiblemente, o principal apoio do discurso presidencial. A incerteza sobre o liderado do partido e a tensión entre Xoaquín Fernández Leiceaga e o tamén deputado Juan Díaz Villoslada tras o pacto do voceiro con Gonzalo Caballero engraxará o discurso presidencial que erixe o PP en única alternativa posible para o país.
Mentres, pola banda da esquerda procurarase que, alén Catalunya, o debate poida servir para que Feijóo "rinda contas", en verbas de Villares. Asuntos como o bloqueo á transferencia da AP-9 tentarán ser colocados pola oposición na axenda dun debate que, di Leiceaga, chega despois dun novo "ano perdido" polo presidente, ausente no debate territorial aberto no Estado. Neste sentido, a líder do Bloque defenderá a superación do marco autonómico e ademais, di, os problemas dunha "Galiza real" aos que non responde a xestión dun Feijóo "encapsulado" na Presidencia.