O PSdeG abre o curso preguntando se Feijoo "vai seguir sendo tan desleal con Galicia como cando gobernaba Rajoy"

O acto celebrouse no patio do hotel San Francisco © PSdeG-PSOE

O PSOE tamén abriu o seu curso político en Galicia, con dous actos en Compostela e Oroso nos que a presenza da vicepresidenta Carmen Calvo lle deu unha maior relevancia ao encontro, no que tamén interviron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, e o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero. 

Gonzalo Caballero foi moi crítico con Alberto Núñez Feijoo, ao que lle preguntou se "vai seguir sendo tan desleal con Galicia como cando Rajoy aprobaba o copago dos fármacos, os recortes na dependencia ou a non revalorización das pensións?". "O PP ríase de Galicia e Feijóo aplaudía”, engadiu Caballero, que denunciou que "Rajoy deixase sen executar máis de 2.000 millóns consignados para Galicia".

“Estamos aquí para dicir que, ao igual que se acabou Rajoy, tamén se vai acabar Feijóo. Cando haxa eleccións, terminouse o seu ciclo. Feijóo está espido, e, co seu cinismo, quere trasladar unha imaxe de poder; pero está deixando a Galicia sen futuro”, afirmou. 

"A Galicia que nos deixa Feijoo é unha Galicia peor", dixo o secretario xeral do PSdeG-PSOE, que defendeu que "os avances na sociedade española sempre viñeron da man do PSOE" e que "en política cando hai vontade de xestión actuamos: universalizamos a sanidade, subimos as pensións, especialmente as máis vulnerables. O PP fai todo o contrario".

Pola súa banda, Carmen Calvo centrou o seu discurso na política estatal, lembrando que "o PP perdeu o Goberno de España por corrupción" e contrapoñendo o que cualificou de "políticas socialistas", en referencia á ao traballo "polas pensións, pola educación pública e pola sanidade pública".

Calvo dedicou unha boa parte da súa intervención a falar do conflito político que se vive en Cataluña, sinalando que "o diálogo é sempre obrigatorio, non é opcional. É un respecto entre institucións". A vicepresidenta subliñou que "o PSOE defendeu a España sempre, e seguirémolo facendo. Somos un partido que entendemos e respectamos unha España tan diversa e á vez tan igual".

Tamén falou Abel Caballero, que defendeu o papel de concellos e deputacións e afirmou que "o PP nunca quixo que aplicásemos políticas sociais dende os concellos do PSOE, pero fixémolo".

Gonzalo Caballero saúda a Carmen Calvo no acto deste sábado en Compostela © PSdeG-PSOE
Abel Caballero, Carmen Calvo e Gonzalo Caballero © PSdeG-PSOE
Gonzalo Caballero intervindo no acto © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.