O PSdeG acusa a xerente do CHOU, curmá de Feijoo, de facer propaganda electoral

Propaganda denunciada polo PSdeG-PSOE © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE acusa a Eloína Núñez, curmá de Núñez Feijoo e xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) de empregar os medios públicos para facer publicidade electoral. A candidata do PSdeG en Ourense, Carmen Acuña, denuncia que os traballadores do CHOU se atoparon está mañá coa imaxe virtual do novo hospital, ainda sen dotación orzamentaria autonómica, nas pantallas dos seus ordenadores. Segundo Acuña, ninguén sabe de onde saíu esa imaxe, que forma parte das promesas de campaña de Feijóo. A imaxe vai ilustrada cun texto que indica que se trata da “licitación das obras do edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.

O proxecto do novo hospital está marcado pola controversia. É o investimento estrela do PP na provincia de Ourense pero acumula anos de atrasos e dúbidas sobre o seu financiamento. A semana pasada, en plena campaña electoral, o DOG publicou o anuncio de licitación das obras de ampliación. En abril soubemos que o proxecto de hospital tecnolóxico para Ourense 2050, financiado con cargo a fondos comunitarios, non estaba aprobado pola Comisión Europea. Ademais o pasado mes de maio Feijoo foi apupado por manifestantes e protexido pola policía na terceira vez que presentaba o Hospital 2050.

O cargo de Xefe do Servizo de Urxencias, segundo o PSdeG, non existe en ningún outro centro hospitalario galego e "foi creado ‘ad-hoc’ e en tempo de desconto por Eloína Núñez para premiar a súa parella"

Por outra banda, os socialistas acusan tamén a Eloína Núñez de crear un posto de traballo inédito nos restantes centros para darllo ao seu marido. O cargo de Xefe do Servizo de Urxencias, segundo o PSdeG, non existe en ningún outro centro hospitalario galego e "foi creado ‘ad-hoc’ e en tempo de desconto por Eloína Núñez para premiar a súa parella" e "garantirlle ao seu marido este posto de traballo no futuro, un cargo que leva incorporado o conseguinte  aumento salarial". Segundo os socialistas o nomeamento vai en liña "co feito nesta mesma lexislatura pola actual conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen tamén designou ao seu cónxuxe xefe de Servizo de Cirurxía do CHUS".

Propaganda denunciada polo PSdeG-PSOE © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.