O PSdeG adía as primarias a setembro para evitar que Ferraz as vete

Pachi Vázquez intervén ante o Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

"Na vida do socialismo galego 60 días non son moito". Tras un "debate que non foi doado", con "dificultades para sacalo adiante", o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez asegura ter na man a solución para encaixar a renovación da secretaría xeral do partido a través de primarias nas normas internas do PSOE e facelo antes que que a conferencia política federal modifique os estatutos do partido. Despois de que o pasado 2 de marzo o Comité Nacional galego acordase celebrar a consulta á militancia o 1 de xuño e celebrar o Congreso Nacional o 6 de xullo Vázquez propuxo adiar o proceso a setembro e o propio Comité aprobouno polo 62,4% dos votos e un 33% de abstencións -131 votos a favor, 8 en contra e 71 abstencións-. Se a consulta se celebra o 7 de setembro e o congreso o 29 do mesmo mes xa non haberá oposición ningunha do equipo de Rubalcaba, afirma.

Por que o que agora non é posible si o será en setembro? Ante os arredor de 300 membros do Comité Nacional, reunido este venres en Compostela, Vázquez explicou que tras moitas horas de negociacións a Executiva federal "comparte totalmente a vontade de favorecer a máxima participación dos militantes". No mesmo documento no que expresa esa opinión "nos piden que traslademos ao comité federal a ratificación" do xeito en que se elixirá o novo secretario ou secretaria xeral de Galicia. "Toda vez que o Comité Federal se vai propoñer para o 21 de xullo, nos piden que celebremos a nosa consulta e o noso congreso en datas posteriores ao 21 de xullo".

Vázquez está "completamente convencido" de que o acordo será aprobado no Comité Federal

Pero, hai garantías de que o comité federal lle dará o seu visto e parece a este sistema? "Estamos de acordo practicamente en todo; no modelo, no regulamento, na formulación, pero no spide que o pasemos polo comité federal para termos maiores garantías", explica antes de amosarse "completamente convencido de que este acordo, que conta co beneplácito da Executiva federal galega, vai saír adiante" porque, entre outras cousas, ten o apoio "das federacións máis grandes de toda España", a saber: "Andalucía, Catalunya, Valencia, Madrid, Navarra, tamén consideran que este é o camiño que temos que percorrer todos xuntos".

"Hai que recoñecelo, perderemos xullo e agosto pero o 7 de setembro saberemos quen vai ser o novo secretario xeral", sinala Vázquez, para quen o adimaento é "unha peaxe que paga a pena pagar", porque implica abrir as portas da "participación" e da "transparencia" á militancia "non só de Galicia, senón de toda España". "Imos ser os primeiros, conseguimos convencer a xente que non cría nisto" e "o primeiro secretario xeral en máis de 130 anos de socialismo que acade o seu posto polos votos de cada militante será o próximo secretario ou secretaria xeral do PSdeG", proclama. "Isto non é para min, é para a militancia", subliñou, xa a porta pechada.

Veto no congreso a quen non se presente á consulta

O regulamento estipula que os precandidatos terán que renunciar se non son a persoa máis votada pola militancia

Na proposta do regulamento para rexer a consulta o líder dos socialistas procura blindar a elección da persoa que sexa designada na consulta, de xeito que as persoas que non concorran á consulta non poidan optar á secretaría xeral só no Congreso. Para isto, ese borrador de regulamento estipula que para ser "precandidato ou precandidata" cómpre "presentarse á consulta interna" e "comprometerse a renunciar a ser candidato ou candidata no caso de non ser o precandidato ou precandidata máis votado pola militancia".

Nese mesmo documento a dirección socialista sinala que para optar á votación da militancia as persoas aspirantes á secretaría xeral terán que obter previamente o aval do 10% da militancia -unhas 1.000 persoas-. Se o conseguen, poderán desenvolver unha caste de campaña electoral interna entre o 28 de agosto e o 6 de setembro, denominada "actividade de información interna". Esa "actividade" non poderá implicar a realización de "campañas de imaxe ou publicidade pagadas ou sometidas a algún tipo de contraprestación" nin tampouco "manifestacións que supoñan descualificacións ou menoscabo cara ás outras candidaturas, cargos públicos socialistas ou responsables orgánicos". Se isto se produce, poderíase chegar a producir "a inhabilitación como precandidato ou precandidata".

Pachi Vázquez intervén ante o Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.