Partiu. Catro días antes de que o PSdeG xunte o seu Comité Nacional para concretar o sistema de primarias consultivas que designará o seu novo secretario ou secretaria xeral a dirección federal do PSOE decidiu dinamitar as pontes construídas hai un mes cara á súa federación galega. A dirección que encabeza Alfredo Pérez Rubalcaba escenificou na Executiva Federal celebrada este luns en Madrid a ruptura do pacto acadado o pasado marzo para que a militancia galega pasase polas urnas e, ao tempo que elixía delegados e delegadas para o seu Congreso de xullo, expresase a súa preferencia sobre a persoa que debe liderar a formación. Pero os socialistas galegos aseguran que desta volta si van á batalla.
Foi o propio secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, o encargado de comunicar que non hai tal acordo. Pero ante o cambio de escenario fontes do PSdeG consultadas por Praza Pública aseguran que o roteiro presentado por Pachi Vázquez non muda en absoluto. O vindeiro venres o actual secretario xeral presentará "unha proposta concreta" sobre regulamento para a consulta. Farao "sen acordo con Ferraz", polo que será "o Comité Nacional quen tome a decisión", toda vez que a "marcha atrás" é "de Ferraz, non de Galicia".
O equipo de Rubalcaba quería unha única papeleta dentro dun sistema que, para o PSdeG, "desvirtuaba" a consulta
A discrepancia entre as direccións nacional e federal está, segundo as mesmas fontes, nunha cuestión de forma. Dende o PSdeG apostábase por que a militancia galega depositase dúas papeletas nas urnas, unha co nome do seu candidato ou candidata á secretaría xeral e outra na que designar delegados e delegadas para o Congreso. Pero o equipo de Rubalcaba quería unha única papeleta, cunha lista de delegados encabezada pola persoa aspirante ao liderado. A xuízo da cúpula do partido en Galicia o sistema proposto por Ferraz era tanto como "desvirtuar a consulta".
"Pachi tentouno ata o final" e por iso agora "vai ir ata o final", ilustran as fontes consultadas, que non ocultan a contrariedade que provoca na dirección galega que Rubalcaba e os seus se "desmarquen" por unha "cuestión formal". Isto quere dicir, polo tanto, que o PSdeG podería optar pola insubmisión e ir ás primarias sen permiso de Madrid? No entorno de Pachi Vázquez esta é a hipótese que se considera como máis plausible: a consultva "vaise manter nos mesmos termos en que a propuxo Pachi" porque así foi aprobado "por amplísima maioría" do Comité Nacional galego.