O PSdeG asume a presidencia da Fegamp con PP e BNG na dirección

Inicio da asemblea © Fegamp

Remuda na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O exalcalde de Ferrol e actual conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, deixou este venres de presidir a asociación que agrupa os municipios, deputacións e mancomunidades do país. O poder territorial perdido polos populares tras as eleccións do 24M permitiulle ao PSdeG ser o partido con máis votos na federación, na que o poder se basea no censo dos territorios que goberna cada formación. Así, o alcalde socialista do Barco de Valdeorras, Alfredo García, asume a presidencia ao lograr 674 votos e ponse á fronte dunha executiva na que continúan PP e BNG e na que non entran os rexedores das mareas e outras formacións tras fiaren unha lista propia.

Ao contrario do que viña acontecendo noutras asembleas da Fegamp, desta volta non houbo unha lista única. Ao longo da semana dende as formacións que conforman a nova directiva, especialmente a banda socialista e do Bloque, explorouse a posibilidade de integrar representantes das mareas e doutras forzas na candidatura. Non obstante, as plataformas que gobernan cidades como A Coruña, Santiago ou Ferrol rexeitaron a oferta ao desbotaren compartir candidatura co PP. "Non é posible camiñar da man de quen é culpable da maioría dos grandes males do país", argumentaron.

Esta foi a conxuntura na que se chegou á propia asemblea, na que as mareas conformaron unha lista xunto con outras forzas como Compromiso ou a Alternativa dos Veciños de Oleiros. Na candidatura, encabezada polo alcalde de Sada, Benito Portela, integráronse rexedores como os de Salceda de Caselas, Teo, Rábade ou Muros, entre outros. Finalmente, esta candidatura obtivo 228 votos, mentres que a presentada polo BNG logrou 250 grazas ao apoio de representantes doutras formacións e de parte dos compromisarios do PSdeG, co que comparte gobernos como os das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, os cales, salientan fontes nacionalistas, lle outorgan aos socialistas boa parte do seu actual peso na Fegamp.

Así as cousas, o Bloque conserva a vicepresidencia segunda, que ocupará Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. A vicepresidencia executiva é, como a presidencia, para os socialistas, e será exercida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás. A vicepresidencia primeira ocúpaa o PP, que tivo 605 votos, con Alfonso Villares, alcalde de Cervo.

As normas da votación

As normas da Fegamp outórganlle maioría absoluta á lista máis votada e definen o reparto de asentos nos órganos

Esta votación rexeuse polo procedemento estipulado nos estatutos da Fegamp, os cales contemplan que, para un escenario con varias listas, a candidatura máis votada -neste caso, o PSdeG- logra 29 dos 55 postos do Consello Federal, isto é, maioría absoluta. Atendendo a estas normas, a segunda candidatura con máis votos, que agora é o PP, ten 17 asentos no Consello, a terceira (BNG) conta con 7 e a cuarta, 2, que serán para a candidatura das mareas.

No caso da Executiva as normas tamén priman a lista máis votada na asemblea. Así, os socialistas quedan con 9 dos 17 postos directivos, o PP obteń 5, o BNG, 2, e a lista fiada polas mareas e outras forzas ten un posto. Asemade, os estatutos estipulan que a forza con máis votos obtén a presidencia e a vicepresidencia executiva, a segunda forza a vicepresidencia primeira e a terceira, a vicepresidencia segunda.

Rey Varela e Alfredo García, novo presidente © Fegamp
Os participantes na asemblea realizaron unha concentración contra a violencia machista © Fegamp

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.