O PSdeG avala máis a Sánchez que a Madina, vencedor en Ourense

Madina, Sánchez e Perez Tapias CC-BY-SA El Diario

O primeiro acto das eleccións primarias que servirán para designar o vindeiro secretario xeral do PSOE, a recolleita de avais para o nomeamento de candidatos, inclina a balanza no PSdeG a favor do deputado Pedro Sánchez Castejón. O deputado madrileño obtivo en Galicia 2.521 dos 4.164 avais emitidos en Galicia mentres que o aspirante vasco a suceder a Rubalcaba quedou en 1.354. Lonxe de ambos está o referente de Izquierda Socialista, José Antonio Pérez Tapias, que tivo en territorio galego un total de 289 avais.

Ademais de poder atribuírlle a Sánchez unha maior capacidade de mobilización tanto en Galicia como no conxunto das federacións socialistas, toda vez que foi o que máis avais obtivo no conxunto do Estado, os resultados territorializados que a dirección do PSOE accedeu a publicar este domingo deixan tamén unha lectura en clave netamente galega. Mentres que Pedro Sánchez foi o candidato máis avalado na Coruña, en Pontevedra e, sobre todo, en Lugo, Madina foi quen tivo máis apoios en Ourense, 445 fronte a 230.

O apoio de Ourense a Madina é interpretado como unha mostra de forzaleza dos afíns a Pachi Vázquez

Esta diferenza na provincia ourensá é relevante para o PSdeG toda vez que a militancia e dirixentes máis afíns ao ex secretario xeral, Pachi Vázquez, apoiaron abertamente a Madina. Así, por exemplo, a deputada no Congreso Laura Seara foi unha das encargadas de presentar os avais de Madina na sede federal do PSOE. Deste xeito, a marea de apoios para Madina en territorio ourensán e o contraste co resto do país pode ser lido como unha demostración de forza do que foi coñecido pachismo na súa provincia de orixe.

Igual que en Galicia, no resto do Estado Pedro Sánchez foi tamén o candidato máis avalado. Destaca o seu resultado en Andalucía, a federación con máis peso orgánico no partido onde Sánquez quintuplicou a Madina, con 14.300 avais fronte a pouco máis de 2.600. Eduardo Madina, pola súa banda, amosouse especialmente forte noutra praza histórica do socialismo español, Extremadura. Tamén conseguiu gañar en avais en Euskadi, Catalunya, Asturias, Murcia e Cantabria.

Madina, Sánchez e Perez Tapias CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.