O PSdeG cre que a Xunta mente ao anunciar que sumou 230 millóns cos seus controis tributarios

Comunicado remitido pola Xunta © Xunta

"Onde están? Que se deixou de recortar onde estaba previsto que se recortase?". É a pregunta que se fai o voceiro do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, tras a lectura do comunicado remitido pola Xunta aos medios o pasado domingo no cal o Goberno galego se gababa de ter recadado 230 millóns de euros a maiores durante o ano 2011grazas ás súas medidas "de reforzo do control tributario e de loita contra a fraude fiscal". Ao deputado socialista non lle saen as contas. "Na miña modesta opinión", que ademais da de parlamentario é a de "profesor de Economía", di Losada, esa cifra é "dificilmente comprensible" ou, sinxelamente, "falsa".

"É pura estratexia de titulares, o único que tenta é ocultar o fracaso do Goberno de Feijóo"

Para Losada, este anuncio da Xunta non é máis ca unha mostra da "estratexia" de gobernar "a golpe de titular" que, di, desenvolve o gabinete de Alberto Núñez Feijóo. Dende o seu punto de vista, o relatado pola Xunta é "simplemente falso" porque nos Orzamentos Xerais da Xunta dese ano 2011 prevíase que a recadación por tributos autonómicos fose de 900 millóns de euros. "É literamente imposible que sobre uns orzamentos que consideran 900 millóns" de ingresos por impostos a "loita contra a fraude" e o control tributario supoña 230 millóns, isto é, un 27%. "É unha pura estratexia de titulares que o único que tenta é ocultar o fracaso do Goberno de Feijóo", mantén, nun contexto no que "non pode ser" que eses fondos "aparezan e desaparezan de forma milagrosa". En todo caso, de existiren, subliña, o Executivo galego non tería que aplicar os 71 millóns do recorte imposto polo Goberno central para cumprir coas esixencias do déficit.

As dúbidas do socialista eran respostadas dende o PP polo seu voceiro, Pedro Puy, que atribúe as críticas do PSdeG a unha lectura errónea do comunicado oficial. "Se ve a información que se deu, o que se di é que 30 millóns son resultado da mellora dos labores de inspección e os outros 200 son consecuencia dunha mellora na xestión tributaria". Ao contrario do explicitado polo Goberno aos medios de comunicación, que indica que os cartos "afloraron" durante 2011, asegura Puy que estes ingresos "xa estaban contemplados nos Orzamentos" e, polo tanto, non hai nada imprevisto. O único que queda "demostrado" é "o compromiso da administración autonómica na loita contra a fraude fiscal", aínda que "a oposición a puxese en dúbida en máis dunha ocasión". "As cifras cantan", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.