O PSdeG cre que Rajoy "empobrece" Galicia coa suba da AP-9, a Xunta culpa a Zapatero

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

A crise económica e as turbulencias financeiras están a provocar que o ritmo informativo do verán de 2012 teña poucas semellanzas co dun verán ao uso. A permanente ameaza dun segundo rescate ao Estado e os recortes que derivan do primeiro conviven en Galicia co intento do Goberno galego e, por extensión, do PPdeG por argumentar o propósito de reducir o Parlamento baseándose en criterios de "austeridade" e mesmo na politica social -o conselleiro da Presidencia insiste en que a tesoirada ao lexislativo servirá para pagar gardarías-. Neste escenario é no que irrompeu o pasado sábado o enésimo torpedo no peto da cidadanía de Galicia. No medio do ata agora último paquete de recortes, o dos 65.000 millóns, viña incluída a fin das axudas que o Estado lle veu outorgando ás concesionarias das autoestradas durante os últimos doce anos. A consecuencia: ao pasar polas cabinas de peaxe da Autoestrada do Atlántico as condutoras e condutores teñen que pagar unha media dun 7,5% máis.

A viaxe de ida e volta entre A Coruña e Vigo supera xa os 28 euros

Neste contexto, no cal xa se dá o paradoxo de que unha viaxe en avión de, por exemplo, Santiago a Madrid, xa pode resultar máis económica que ir e volver da Coruña a Vigo pola AP-9 -o traxecto achégase aos 30 euros-, é no que a suba pasa ao plano político. Despois de que o propio sábado o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, xa considerase este incremento como un "atraco" consecuencia da política de "privatizacións", este domingo a coordinadora da área económica do PSdeG, Carmen Gallego, dirixíase aos presidentes dos gobernos galego e central para acusalos de "empobrecer a economía das familias que precisan a autoestrada para ir traballar", ademais de "darlle a puntilla ao sector do transporte" e poñer polo tanto "en maior risco de non subsistir ao resto de sectores que directa ou indirectamente están relacionados coa AP-9".

Os socialistas, di Gallego, dispóñense a tramitar iniciativas parlamentarias para tentar paliar "o grave prexuízo" do incremento tarifario, especialmente para as actividades económicas dependentes do transporte, "feridos graves" xa previamente "coa brutal suba dos carburantes". No plano puramente político a tamén deputada do PSdeG coida que este recorte vén "engadir unha máis á lista de promesas incumpridas" de Mariano Rajoy con Galicia, "ás que os gaelgos e as galegas xa estamos acostumados". Mentres isto acontece, censura, Alberto Núñez Feijóo fai gala de "entreguismo partidario", "executando ordes aínda que supoñan un grave prexuízo para Galicia". Por iso, di, o presidente "promove manobras de distracción".

Rueda culpa a Zapatero

Rueda asegura que para Rajoy "esta medida non foi doada" pero "tivo que facelo pola situación que atopou"

Para a Xunta a noticia "non é boa", pero no Executivo galego non se observa responsabilidade ningunha no gabinete de Rajoy. Ben ao contrario, en opinión do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, a retirada de axudas e a suba de taxas que deriva dela é unha consecuencia máis do "déficit herdado" do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Para Rajoy "esta medida non foi doada de tomar", asegura o número dous de Feijóo, pero tivo que facelo pola "situación que atopou". Neste contexto, e mentres se suceden as queixas de usuarios e usuarias da autoestrada polas deficiencias no servizo como, por exemplo, os sucesivos atascos no entorno das cabinas de peaxe, Rueda asegura que a Xunta "esixirá ao Ministerio de Fomento" e á empresa concesionaria, Audasa, "que extremen a calidade na prestación dos servizos" para "evitar molestias polos atascos nas peaxes".

A argumentación de Rueda tampouco é concibible para os socialistas, que ven unha "ocorrencia" o feito de os conservadores "recorran a Zapatero para que leve tamén a culpa desta suba das peaxes". Así e todo, di, ese recurso "pódeselles volver na contra" xa que "cos socialistas eliminábanse peaxes" e "foi co Goberno de Aznar cando se ampliou ata 2048 a concesión da AP-9" para posteriormente vendela, lembra. Ao cabo, conclúe, "esta acción do Goberno de Rajoy, apoiada por Feijóo no plano ideolóxico" é un sinal máis de que o PP "fai recaer o peso da crise nos máis febles" mentres "os poderosos seguen sacando tallada".

Carmen Gallego, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.