O PSdeG defende que Galicia sexa "actor principal da construción dun Estado federal"

Besteiro, durante a ofrenda floral a Castelao en Rianxo © PSdeG

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu no Día Nacional a necesidade dunha “Galicia partícipe, como actor principal, da construción dun Estado Federal resultado dunha reforma constitucional máis necesaria que nunca; unha Galicia cun status institucional e un peso importante na organización dun Estado Federal Español”.

Besteiro defende unha Galicia que sexa "actor principal da construción dun Estado federal"

Besteiro participou, xunto a numerosos cargos e militantes do PSdeG, na tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo e no seu discurso apostou por “un Estado integral que combine equilibradamente a descentralización política coa unidade de todos os pobos, un Estado no que, como galegos e como socialistas, temos moito que dicir en temas como o financiamento autonómico ou o modelo territorial”.

O líder dos socialistas galegos, que transmitiu o "ánimo, afecto e consideración" ás vítimas de Angrois, falou dun "día de reivindicación da nosa identidade como galeguistas e socialistas". "A crise cuestionou moitas cousas e levou consigo moitas outras, pero o que non nos pode arrebatar a crise é a nosa coherencia, a coherencia co que sempre fomos e co que sempre defenderemos”, asegurou.

Besteiro cre que tanto o PSdeG como Castelao defenderon sempre "un proxecto político incluínte"

"O galeguismo para nós, non é só unha cultura propia, unha forma de ver o mundo ou unha forma de falar e entenderse, o galeguismo para os socialistas é ante todo unha forma de organizarse como país e de afrontar retos futuros como sociedade dende a nosa propia singularidade”, insistiu, tras comparar o "galeguismo de Castelo co do PSdeG", ambos, segundo dixo, "un proxecto político incluínte, que ve na unión solidaria un dos seus acenos de identidade”.

O secretario xeral do PSdeG lembrou que “Galicia ten o mellor capital físico e humano da súa historia, temos as mellores infraestruturas e a xeración de mozos e mozas mellor formada da nosa historia, e non obstante perdemos poboación, os mozos marchan e Galicia retrocede en todos os aspectos sociais e económicos con respecto a España e Europa”.

“Hoxe é o día de proxectar o que Castelao quería para Galicia, un desexo que coincide coas ideas que os socialistas galegos defendemos cada día no Parlamento, nos concellos, nas nosas vilas, nos nosos barrios; cómpre recuperar un galeguismo útil, ligado á unha economía propia de Galicia para volver a ter peso no conxunto do Estado e aumentar a nosa capacidade de protexer aos galegos como sociedade”, rematou.

Besteiro, durante a ofrenda floral a Castelao en Rianxo © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.