O PSdeG esixe explicacións pola viaxe a Cancún de cargos do Sergas

Inmaculada Rodríguez (esquerda), coa conselleira de Sanidade © Xunta

Pagou a Xunta a viaxe e senón, quen o fixo? É unha das preguntas que o PSdeG pon sobre a mesa da Consellería de Sanidade á espera de respostas. A voceira socialista en materia sanitaria, Carmen Acuña, vén de rexistrar no Parlamento unha pregunta para obter por escrito aclaracións a respecto da información revelada por El País a comezos de xullo, na cal este diario informaba de que a directora técnica do Centro de Transfusións de Galicia (CTG), Inmaculada Rodríguez, e a súa hematóloga xefa, Azucena Castrillo, se desprazaran ata Cancún para participar nun congreso de firmas farmacéuticas. Desa viaxe a Xunta apenas ofreceu información, nin sobre as súas motivacións nin sobre o seu custo.

"Supoñemos que un Goberno tan austero, que recorta servizos públicos, non financiará ao mesmo tempo congresos en Cancún"

É precisamente a escaseza de datos un dos primeiros motivos de receo nas filas socialistas. "A día de hoxe constitúen un misterio tanto a finalidade desta viaxe como o seu financiamento, pois a conselleira négase a aclarar estes detalles a pesar de tratarse de dúas directivas do Sergas", di Acuña na súa iniciativa, na que ademais abonda no feito de que o evento "é organizado por multinacionais da industria farmacéutica" e "parece que a estancia en Cancún" se prolongou "máis alá da duración do propio congreso". "Supoñemos que un Goberno tan austero, que está a recortar a diario servizos públicos di que por mor da crise non financiará ao mesmo tempo congresos en Cancún para os seus cargos" nin tampouco "permitirá que a industria farmacéutica financie estancias de directivas do Sergas" na cidade mexicana.

"Ante esta situación tan incongruente" o PSdeG reclama coñecer as "razóns" para que Rodríguez e Castrillo participasen no devandito congreso, a "duración" da propia cita médica e da "estancia" posterior, se houber, e saber se a Consellería "financiou" o desprazamento "e, de ser o caso, canto lle custou ao pobo galego". Do mesmo xeito, se non houbo fondos públicos polo medio os socialistas esixen coñecer "quen financiou" a viaxe "se non foi a Consellería". "Quizais asumiron ese custo empresas privadas da industria farmacéutica organizadoras do evento?", cuestiona Acuña.

Ligado con isto, a iniciativa parlamentaria, rexistrada o pasado día 19, pide coñecer "que empresas excatamente foron as que financiaron e por que importe", "que contratos mantén a día de hoxe" Sanidade con esas empresas, "que contratos existiron durante os anos 2010, 2011e 2012 con elas" e "cales están previstos para os próximos anos". Unha vez formulada a pregunta a celeridade na resposta depende en exclusiva do Goberno galego e todo semella indicar que esta non será excesiva xa que, no que vai de verán, o ritmo de resposta por escrito a preguntas parlamentarias da oposición caeu moi sensiblemente, ata o punto de ser practicamente nulo.

Inmaculada Rodríguez (esquerda), coa conselleira de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.