O PSdeG esixe que Feijoo compareza no Parlamento para dar conta do financiamento do PP

Losada, en rolda de prensa sobre Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, vén de esixirlle ao presidente da Xunta que compareza no Parlamento para “dar a cara” ante as acusacións de presunto financiamento irregular do PPdeG. Para Losada, Feijóo debe comparecer nun Pleno extraordinario ou na Comisión de Estudo da Corrupción, e advirte de que, no caso de non facelo, o Grupo Socialista abandonará este órgano. Losada dixo que “os galegos non merecemos un presidente que se agocha e que cando sae o que fai é mentir” e sinalou que “non ten sentido que desfilen académicos pero non comparezan os políticos afectados pola corrupción”.

Para Losada, Feijóo debe comparecer nun Pleno extraordinario ou na Comisión de Estudo da Corrupción, e advirte de que, no caso de non facelo, o Grupo Socialista abandonará este órgano

O pasado sábado El País publicou que un informe do ex xerente dos populares galegos, Modesto Fernández, confirmaría o financiamento ilegal da formación, que tería recadado até 2 millóns de euros de maneira opaca e grazas ás contribucións ilegais de ducias de empresas construtoras e contratistas públicas da Xunta. Segundo Abel Losada, Feijóo é o máximo responsable desta fraude pola que o PP galego só declarou o 8 por cento do diñeiro percibido. Estas cifras súmanse, lembrou, aos 19 millóns de pesetas percibidos en 1997 e 1998 e aos 21 millóns de 1999, de acordo cos “papeles de Bárcenas”, cando Pablo Crespo era secretario de Organización e Feijóo alto cargo do goberno galego. Ademais, Losada respondeu aos supostos desmentidos dalgunhas empresas que “non serven os desmentidos de quen aparece nunha contabilidade B ou C”.

O responsable socialista sinalou que o presidente do PPdeG debe explicar o “magma absolutamente putrefacto” que desborda ao PP nacional e chega a Galicia “entre Gürtel, Bárcenas, o financiamento irregular, delitos presuntos e comprobados, mordidas e demais mostras de maneiras predemocráticas”. Reclamou que “faga o contrario do que está facendo Rajoy” á hora de agocharse para non dar explicacións e, dixo, “non pode converterse nun pimpampum internacional, un paria afectado por delitos graves”.

Losada esixiu “a máxima transparencia, porque doutro xeito Galicia, co PP, parécese cada vez máis á Italia de Berlusconi”

Ademais, Abel Losada recolleu o argumento do portavoz do PP, Pedro Puy, quen dixo que o narcotraficante amigo de Feijóo Marcial Dorado buscaba lexitimarse achegándose aos políticos, á maneira da mafia italiana. Esixiu así “a máxima transparencia, porque doutro xeito Galicia, co PP, parécese cada vez máis á Italia de Berlusconi” e puntualizou que “non podemos, non queremos e non debemos ser a Italia de Berlusconi, debemos ser unha democracia transparente e de calidade”.

Losada, durante a comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.