O PSdeG, esperando a Pachi Vázquez no medio da treboada

Reunión da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

As medias verdades ou mentiras enteiras das caixas, a longa sombra das fotos de Marcial Dorado, o caso Bárcenas e a súa vaga expansiva en Galicia... A fenomenal treboada política que sacode este verán colle o PSdeG en pleno proceso de renovación interna e, máis concretamente, ás portas das súas primarias consultivas, aceptadas como mal menor pola dirección do PSOE do atribulado Alfredo Pérez Rubalcaba. Despois de que o Comité Federal do partido lle dese o seu visto e prace ao procedemento advertindo, non obstante, do seu carácter "non vinculante", o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, comeza este luns unha rolda de contactos coas agrupacións da formación para explicar como funcionan as primarias mentres mantén unha incógnita fundamental: se optará ou non á reelección.

Como avanzou nunha entrevista con Praza Pública, a intención de Vázquez pasaba por "marcar posición" a respecto de se presentarse ou non unha vez que as primarias estivesen "en marcha". É dicir, estes primeiros compases da explicación interna do procedemento semellan o escenario elixido polo do Carballiño para medir forzas antes de dar ou non o paso. Dende hai semanas dende o seu entorno máis próximo maniféstase que o actual secretario xeral podería contar con apoios dabondo para continuar se preme as teclas internas adecuadas, como xa aconteceu no anterior congreso do partido. Non obstante, advirten, pase o que pase hai unha certeza: Vázquez seguirá no Parlamento ata o remate da lexislatura autonómica.

Besteiro non concorrerá ao congreso "se na consulta previa non consigo o apoio maioritario da militancia"

Os movementos de Vázquez son seguidos con atención polo conxunto do partido, pero especialmente polos grupos e persoas que aspiran a encabezar a renovación. Este é o caso do líder do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación desa provincia, José Ramón Gómez Besteiro. Malia non ser "vinculantes", Besteiro xa subliña que non optará ao liderado pola vía do congreso "se na consulta previa non consigo o apoio maioritario da militancia". "Ese é o meu compromiso persoal e quero facelo público", sinala, nun contexto no que o feito de que os estatutos "non recollan a celebración da consulta á militancia" non lle impide asegurar, di, que "a expresión do militante a través do seu voto para min sempre é válida; o voto da militancia sempre é lexítimo, válido e definitivo", afirma.

Novo Socialismo reclama as "máximas garantías" na consulta, como paso previo para que o partido remate a súa "agonía"

A defensa da extensión, tamén pola vía estatutaria, das primarias para renovar os liderados socialistas é tamén compartida polo foro Novo Socialismo Galego. Pendentes dunha xuntanza na que adoptarán "acordos sobre os pasos a dar no inminente proceso congresual", os membros do colectivo que ten a Iván Puentes como portavoz ve a oportunidade de "abrir un novo tempo onde se poña fin ao sectarismo da actual dirección". "É o momento de construir un novo proxecto, serio e rigoroso, socialdemócrata, galeguista e pensado por e para Galicia", din. Neste contexto, NSG defende as "máximas garantías" para a celebración da consulta á militancia e por iso, na súa opinión, cómpre "ampliar o horario da votación, en xornada de mañá e de tarde", explica Puentes.

Para Novo Socialismo o "criterio fundamental" deste proceso debe ser "favorecer a máxima participación da militancia". Por iso, sinala, o día das primarias ten que haber "urnas en todas as agrupacións municipais do partido" para que "nginún militante teña que desprazarse fóra do seu concello para poder votar". Trátase, en definitiva, din, de que o PSdeG se encamiñe "por fin" ao remate da "agonía na que leva vivindo dende hai case un ano". "O proceso foise atrasando por parte da dirección actual, teoricamente para facer unhas primarias, e finalmente vólvese ao punto inicial de facer unha consulta non vinculante, para iso podíase ter feito hai meses", resolven. Neste contexto agárdase que este luns se pronuncie tamén o alcalde da Illa de Arousa e aspirante á secretaría xeral, Manel Vázquez, que manterá un encontro coa militancia do Baixo Miño para presentar o seu proxecto.

Besteiro, no comité federal do PSOE en Madrid CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Iván Puentes, portavoz nacional de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.