O pasado 31 de marzo a publicación no diario El País das fotografías do actual presidente da Xunta compartindo iate en 1995 co narcotraficante Marcial Dorado sacudían a polítíca galega. Moi poucos días despois, o 3 de abril, o PSdeG solicitaba "copia da totalidade" dos contratos de subministros enerxéticos, de combustible e informáticos "dos centros hospitalarios dependentes do Sergas entre os anos 1992 e 1998". Con esta reclamación os socialistas tentaban coñecer polo miúdo se, nos seus tempos de secretario xeral do Sergas, Alberto Núñez Feijóo lles outorgara concesións ás empresas do narco. Máis de dous meses e moitos avatares políticos despois esa información segue sen chegar e a formación xa valora acudir á Xustiza.
Durante este tempo de espera tanto o PSdeG como o resto da oposición escoitaron explicacións diversas. "Entre titubeos, que comezaron con viaxes e desmemorias", lembra o voceiro socialista, Abel Losada, o Goberno foi alongando un proceso que continuou con "falsidades manifestas", cando o propio presidente dixo que os documentos "foran destruídos". A continuación chegaron as "contradicións evidentes", cando o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde dixo en sede parlamentaria que non eran quen de amosar os contratos "porque eran moitos". E, finalmente, o pasado xoves, recibiron unha resposta escrita na que o Executivo se remitía á, literalmente, "ampla información facilitada polo secretario xeral".
Losada: "Non descartamos defender o noso dereito a acceder á información acudindo ás vías xudiciais que correspondan"
"Non sei se teñen un problema conceptual ou semántico, que tamén pode ser", xa que é algo que "ás veces acontece cando non se le moito", ironiza Losada. Pero, alén das causas, o certo é que "pedimos documentación, non discursos baleiros de contido". Por iso "pedimos amparo da presidenta do Parlamento", dende a esperanza de que exerza como "presidenta de todos os grupos" e non como "embaixadora plenipotenciaria do Goberno". "De non ser así -advirte- non descartamos defender o noso dereito fundamental a acceder á información" acudindo "ás vías xudiciais que correspondan".
Os documentos negados
O recurso á Xustiza é valorado no PSdeG non só por este episodio en concreto, senón porque "chove sobre mollado" tras moitas solicitudes de documentación "non trasladadas polo Goberno". "Sigo pensando na auditoría da fusión das caixas, nos contratos de Pemex", en definitiva "en todos os elementos que o presidente", na súa "construción de política ficción, utilizou de maneira descarada empregando os medios públicos como se fosen del" pero que "se converten en fume, porque non existe soporte documental ningún alén dos seus discursos".
O PP asegura que "son máis" as solicitudes de papeis "que se atenden que as que non se atenden", pero os datos oficiais contradín a súa afirmación
Mentres Losada interpreta a negación de documentos como unha peza máis da "doma e castración" á que, ao seu xuízo, o PP tenta someter o Parlamento, o seu homólogo conservador nega absolutamente que o Goberno limite o acceso á información. O socialista mestura "varias cuestións, entre as que están cousas que non teñen que ver unhas con outras" xa que, por exemplo, os contratos de Pemex, xustifica, "non dependen da Xunta e "dificilmente a Xunta pode atender a esa petición". Non obstante, "se collen calquera estatística do traballo parlamentario", convida, a oposición concluirá que "non todas as solicitudes de información se poden atender, pero son máis as que se atenden que as que non se atenden".
Pero, á marxe das declaracións, que din as estatísticas ás que se refire Puy? Lonxe de demostrar a súa afirmación, refútana. Como informou Praza Pública, segundo consta na memoria do Servizo de Asistencia Parlamentaria ao londo da pasada lexislatura seis de cada dez solicitudes de documentación formuladas polos daquela dous grupos da oposición -PSdeG e BNG- non foron satisfetias. Concretamente, socialistas e nacionalistas remitiron 1.337 requerimentos de papeis e só tiveron resposta positiva en 510 ocasións. Destas peticións 594 eran do BNG, a quen lle foron atendidas o 37%, mentres que o PSdeG formulou 743 peticións e obtivo resposta ao 38%.