O PSdeG indaga sobre posibles "intereses" de Marcial Dorado en contratos coa Xunta

Feijóo, este venres nun acto público © Conchi Paz

Feijóo e o PP terán que seguir falando de Marcial Dorado, mesmo despois da comparecencia que o presidente da Xunta vai protagonizar o vindeiro mércores no Parlamento. Os socialistas veñen de anunciar, a través do seu deputado José Luis Méndez Romeu, que se dispoñen a indagar por vía parlamentaria os eventuais "intereses" do narcotraficante e as súas empresas en contratos coa Xunta nos anos en que Dorado tiña "relación" con Feijóo. Nomeadamente, reclaman formalmente "información e copia da totalidade de contatos de subministro enerxético, de combustible e informáticos realizados" por Sanidade e os seus centros hospitalarios entre 1992 e 1998.

Dez anos de relación "que non era nada ocasional" xustifican, a xuízo de Méndez Romeu, xustifican que "se comprobe" se os contactos entre Feijóo e Dorado estaban ou non "exentos de intereses", toda vez que o actual presidente galego era, no momento de tomárense as fotografías publicadas por El País, secretario xeral da Consellería. O requerimento, considera, faise aínda máis necesario ao seguir saíndo á luz informacións que "cuestionan a integridade moral do presidente", a quen ve caendo en "contradicións flagrantes" a respecto da relación co narco. Feijóo, di, está "indo por tras" das noticias e "quedando en evidencia por faltar á verdade", comezando polas "datas da súa relación cun dos máis recoñecidos narcotraficantes de Galicia".

O PSdeG asegura ter constancia de "contratos entre empresas do narcotraficante e o Sergas"

A relación entre ambos era "estable", enfatiza o socialista, toda vez que se producía "non só en Andorra ou nos Picos de Europa, como dixera confundir o presidente como efecto secundario da neve, debía ser temporada de inverno -ironiza- senón que agora se coñece que se estendía a Ibiza e Cascais". "Coñécese xa a celebración de contratos de subministros de servizos entre empresas do narcotraficante e o Sergas -asegura- e concesións administrativas da Consellería de Pesca polas mesmas datas". Por todo isto, afirma, Feijóo "non pode continuar a contribuír ao descrédito do Goberno de Galicia" e "debera dimitir", para que "se poida pasar páxina deste lamentable episodio".

"O infamante é soportar un presidente así"

Tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, insistía este venres na necesidade de que o presidente deixe o seu cargo. Despois de que Feijóo dese  por concluída a "infamia" á que di estar sometido, o líder nacionalista coida que o verdadeiramente "infamante" é que "un país democrático coma o noso teña que soportar un presidente" con "relacións estreitas con delincuentes con causas tan graves como o narcotráfico". "A infamia é a súa", di, que "pretende prolongar" a súa estancia no poder "en base á maioría absoluta" do PP.

Vence coida que Feijóo está a dar "unha imaxe deplorábel" que "Galiza non merece"

A xuízo de Vence o tempo que Feijóo permaneza na cadeira da Presidencia da Xunta servirá para "dar unha imaxe deplorable" do país que Galicia "non merece", máis aínda porque "cada vez que fala descóbrense máis mentiras e contradicións" e, ao tempo, "máis detalles dunha prolongadísima e estreitísima relación" con Marcial Dorado. "As declaracións do xuíz" Vázquez Taín sobre as supostas conversas telefónicas entre Feijóo e Dorado alén do ano 2000 -o xefe do Goberno mantén que cortou os contactos en 1998- non son, para o nacionalista, máis que unha nova "mentira" que se suma a "unha morea", "demasiadas para un gobernante" que xa está "máis centrado nos seus problemas e nos do PP" que nos de Galicia, censura.

José Luis Méndez Romeu © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.