O PSdeG insiste en reivindicar o "cambio estable" fronte a "aventuras"

Leiceaga e outros dirixentes socialistas, en Viveiro © PSdeG

"Cambio estable", "goberno reformista", "moderación"... Foron moitas das palabras repetidas polo PSdeG nesta campaña, na que apelou ao voto tranquilo fronte aos extremos que representarían PP e Unidos Podemos. Díxoo en moitas ocasións Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato socalista á Xunta, que o volveu repetir este venres en Viveiro, xa a tan só unhas horas da xornada de reflexión. 

Leiceaga insiste, como en toda a campaña, en apelar ao cambio "moderado" que representaría o PSOE fronte a Unidos Podemos

"É máis necesario que nunca un goberno estable e reformista, que teña entre as súas prioridades cambiar as cousas que non funcionan ben”, asegurou Leiceaga, que aludiu ao Brexit para insistir nese cambio moderado que representaría o PSOE, unha "opción que sexa respectuosa cos valores da UE, e que evite todo tipo de tentación populista, xa que é unha aventura custosa para os nosos cidadáns”. E volveu a reivindicar a estabilidade, a dun Partido Socialista, "de cambio estable, a mellor solución nestes momentos". 

Acompañado dos cabezas de lista ao Congreso e ao Senado, Margarita Pérez Herráiz e Ricardo Varela, Leiceaga repetiu tamén o seu temor á "aventura" que representaría Unidos Podemos, tamén no que ten que ver no asunto europeo, pero á que aludira para moitos outros, buscando ese voto de esquerda moderado, o que "mellor garante un futuro de prosperidade e de cambio en España".

Tan só hai dous días, Leiceaga alertaba de só "dúas opcións" para este domingo: "a moderada e estable" de Pedro Sánchez e a "aventura" de Pablo Iglesias. E hai catro falaba da "única opción inclusiva" que representaba o PSOE. 

 

Alcoa, pesca e sector primario

Por outra banda, a candidata ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz, remarcou que a comarca da Mariña e toda a provincia de Lugo, precisan un cambio de Goberno. Aludiu aos graves problemas do sector primario, como o lácteo que esta vivindo a provincia “e mentres Feijoo e o PP miran cara outro lado”.

Sobre a pesca denunciou que o PP “non quixo, nin soubo aproveitar todas as posibilidades da Política Pesqueira Común, e as poucas cotas que quedan repárteas de xeito prexudicial para Galicia”.

Aludiu á delicada situación da fabrica Alcoa en San Cibrao da que dependen mais de 1.300 postos de traballo, “os gobernos do PP non se están implicando neste problema”. Advertiu tamén que “non ter unha tarifa enerxética definida fai que esta empresa perda competitividade, por iso insistiremos no Congreso sobre este asunto”.

Leiceaga e outros dirixentes socialistas, en Viveiro © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.