O PSdeG lánzase á campaña "da verdade" co lema 'É o momento, Galicia decide'

García, na presentación da campaña do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

En Galicia, como en calquera outro ámbito electoral, téñense visto lemas de todo tipo nas eleccións. Curtos, longos, con alusións ao país... fórmulas diversas que varían en función das circunstancias e, nos últimos tempos, que se guían en boa medida polos consellos dos equipos de asesoría de campaña das formacións políticas. Nestas eleccións de 2012 o PSdeG opta por unha fórmula pouco usual: recuperar un eslogan doutra campaña e actualizalo para a presente. Pero non o fan cun lema calquera elixen o que empregou o seu candidato á Xunta, Pachi Vázquez, cando optou por primeira vez á alcaldía do Carballiño, municipio que gobernou durante case unha década. Así, aquel É o momento compleméntano agora os socialistas con Galicia decide. A intención, explica o seu secretario de organización e xefe de campaña, Pablo García, é amosarlle á cidadanía que "ten a oportunidade dun cambio de rumbo fronte ao horizonte de recesión e sufrimento ao que nos abocan as políticas do PP.

En presenza de candidatos e candidatas ao Parlamento e de cargos nacionais e provinciais do partido García explica que, durante a campaña, Pachi Vázquez protagonizará uns sesenta actos públicos, unha media de catro por día, e os cabezas de lista das catro circunscricións farán algo semellante. Coa vista posta nos métodos tradicionais de encontros nas diferentes localidades, pero tamén tendo as redes sociais de internet como un eixo de "relevancia estratéxica", o PSdeG tentará transmitir que as eleccións autonómicas son a clave para que o PP comece a "recuar, non só en Galicia", senón tamén no conxunto do Estado, xa que, asegura, se Vázquez chega á Presidencia se reverterán decisións como o copagamento farmacéutico pero, ademais, o Goberno galego optará sempre "pola verdade".

Vázquez protagonizará uns sesenta actos ao longo da campaña electoral

Pachi Vázquez, subliña García, está a asegurar xa nos seus actos de precampaña que "prefire perder un puñado de votos por dicir a verdade" que "dicir unha mentira". Esa, asegura, será a actitude que manteña ao longo dunha campaña "baseada na ilusión do cambio a pesar das dificultades" na que, salienta, terán especial importancia os debates electorais que o aspirante socialista compartirá na TVG con Alberto Nüñez Feijóo, por unha banda, e con Francisco Jorquera, pola outra. "A pesar de todos os atrancos do PP e grazas ás cesións do PSdeG, haberá debate", asegura García.

Pablo García presentaba a campaña socialista pouco despois de que, en Madrid, Pachi Vázquez pronunciase unha conferencia na que, presentado por Alfredo Pérez Rubalcaba -que participará en diversos actos da campaña galega- insistiu na idea de que "o 21 de outubro nos xogamos o modelo de saída da crise, tanto para Galicia como para España", circunstancia que, di, lles dá "enorme transcendencia" ás eleccións, nun momento "que require unha profunda reflexión pero, sobre todo, require acerto, decisión e valentía". Isto sucede, di, despois de que o Goberno de Feijóo xa fixese que "o mito da dereita xestora empezase a caer", xa que o candidato á reelección "asinou un pacto con Galicia de catorce puntos e incumpriunos".

García, na presentación da campaña do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Un intre da conferencia de Vázquez en Madrid CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.