O PSdeG leva á Xunta Electoral o tratamento informativo da TVG na campaña

Pablo García, secretario de organización do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O PSOE leva á Xunta Electoral o tratamento informativo da TVG nesta campaña. O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, denunciou o que considera "falta de pluralismo político e neutralidade informativa" da televisión nas últimas datas. Nun comunicado, critica o "gubernamentalismo extremo" da canle autonómica "para favorecer a candidatura de Feijóo" e esixe unha compensación polo "desequilibro de tempos e tratamento informativo" entre as forzas políticas.

O PSdeG critica o "gubernamentalismo extremo" da televisión pública "para favorecer a Feijóo"

Ao mesmo tempo, os socialistas galegos solicitan que a Xunta Electoral de Galicia realice un seguimento adecuado e permanente das decisións adoptadas polo director da CRTVG, así como da programación emitida que afecte o proceso electoral. Neste sentido, e tendo en conta que quedan oito días de campaña, solicita que se chegue a un acordo coa TVG para compensar o PSdeG  "nos tempos que até o momento non lle foron adxudicados e de cara a reparar os danos ocasionados".

Os socialistas piden un acordo coa TVG para compensar o PSdeG "nos tempos que non lle foron adxudicados"

Segundo a denuncia presentada ante o órgano electoral, "un seguimento do tratamento informativo da TVG dado ás distintas forzas políticas, entre os días 28 de setembro e 5 de outubro, mostra que a TVG, lonxe de extremar o coidado á hora de cumprir escrupulosamente cos principios de pluralismo e neutralidade informativa, mantivo e mesmo incrementou unha liña informativa baseada nun gubernamentalismo extremo".

García afirma no comunicado que "desde que o pasado día 4 empezou a campaña, a televisión pública galega está a vulnerar sistematicamente calquera principio de neutralidade e obxectividade no tratamento da información política, nos seus distintos espazos informativos".

Ademais, os socialistas sinalan que a liña informativa da TVG "mestura a información que se podería cualificar como institucional coa de contido partidista, que aínda que protagonizada por algún membro do Goberno galego, ten como obxectivo o ataque á oposición en xeral e moi especialmente contra o PSdeG-PSOE".

Por último, o secretario de Organización do PSdeG denuncia que a dirección da TVG se decantou claramente polo PP nesta campaña electoral, e está a facer unha clara renuncia da imprescindible profesionalidade coa que debería dirixir o ente público galego".

Pablo García, secretario de organización do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.