O PSdeG leva ao Constitucional o copago nos comedores escolares

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

O PSdeG levará ao Tribunal Constitucional o novo sistema que amplía o copago nos comedores escolares de Galicia e instaurado pola Xunta de Galicia. Así o anunciou o seu secretario xeral, Pachi Vázquez, durante unha sesión de control Parlamento outra vez moi tensa e na que Núñez Feijóo defendeu unha medida da que se declarou "orgulloso".

Feijóo declárase "orgulloso" do sistema de copago e advirte de que "non se pagará o comedor aos fillos dos deputados"

O presidente do Goberno galego amosouse desafiante e volveu atacar a oposición. "Comprendo que igual aos seus fillos e aos seus netos  habería que pagarlles o comedores, pero non o imos facer", chegou a dicir Feijóo, que destacou que "os mileuristas non pagarán o comedor" e que "un 67% das familias galegas tampouco, mentres que o 10% achegará un euro". O socialista Pachi Vázquez, no entanto, retrucou para lembrar que si pagarán os que "cobran 583 euros ao mes" para pouco despois confirmar que levarán o sistema ao Constitucional.

Pachi Vázquez cre que a medida é contraria á Constitución e á lei de educación

"Con que obriguen aos nenos do rural a non poder comer atoparanse enfronte co PSOE", insistiu Vázquez nunha sesión de control na que Núñez Feijóo censurou as acusacións do secretario xeral socialista, que cualificou de "barbaridades". Segundo o presidente da Xunta, a ampliación do copagao só afectará "aos que máis teñen".

Para Pachi Vázquez, a medida "vai en contra" da Constitución e da lei de educación, que determina que as administracións deben sufragar os servizos de comedor e transporte aos alumnos que se desprazan fóra da súa localidade.

O BNG entrega un tupper ao conselleiro en protesta polo copago

Por outra banda, a deputada do BNG, Carme Adán criticou  o “dobre raseiro” do PP á hora de practicar recortes no ensino público galego mentres apoia con fundos públicos centros que segregan ao alumnado.

A nacionalista aproveitou o debate dunha proposición non de lei, debatida o martes a última hora da tarde, na que reclamaba “ a anular” os concertos educativos cos centros que segregan ao alumnado segundo o sexo, para agasallar  un tupper, cunha mandarina e un kiwi, ao titular de educación en protesta polo “copago” nos comedores escolares anunciado o pasado 12 de marzo en  sesión plenaria polo propio Jesús Vázquez.

Adán asegurou que esta medida afectará a un gran número de familias galegas que deberán pagar un servizo que o BNG considera necesario para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación. Para a deputada, o copago nos comedores escolares incidirá de maneira decisiva no deterioro do ensino público ao que xa hai  que sumar, dixo,  sucesivos recortes do PP nos últimos anos.

A parlamentaria pediu a “devolución da axuda pública” aos centros sexistas que, na súa opinión, deberían pechar por “non educar en igualdade”.

Adán reclamou a devolución dos tres millóns de euros “ilegais” destinados a estes  centros de ensino e aludiu á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os convenios cos centros educativos que segregan ao alumnado por razón de sexo.

Vázquez, durante a sesión de control CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.