O PSdeG pide que un grupo de deputados visite o Pazo de Meirás

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

Unha visita institucional ao Pazo de Meirás de todos os deputados membros da Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia. Esa é a petición que vén de formalizar ante a Cámara a deputada socialista Concepción Burgo, ante os reiterados incumprimentos no réxime de visitas deste ben cultural por parte dos seus propietarios, a familia do ditador Francisco Franco.

Os socialistas reclaman que o Parlamento de Galicia organice unha visita institucional para comprobar os incumprimentos da familia Franco

Os socialistas formulan a súa petición ante a “situación de incumprimento da obriga legal recollida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que permita a visita pública gratuíta cando menos catro días ao mes”. Burgo lembra que desde que o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), a familia Franco “non fixo outra cousa que poñer impedimentos”, e afirma que “non poden permitirse actitudes que semellan un trato de favor á familia Franco” por parte da Consellería de Cultura, polo que quere que os deputados poidan visitar o pazo para coñecer de primeira man a situación e poñer de relevo as eivas no cumprimento legal. As visitas de deputados membros de comisións sectoriais a lugares relevantes para a súa área temática son relativamente habituais dentro do traballo ordinario da Cámara autonómica.

A proposta socialista prodúcese logo de que En Marea veña de propor modificar a Lei de Memoria Histórica para lograr que o Estado se faga coa propiedade do pazo, petición que tamén vén reclamando o BNG.

Interior do Pazo de Meirás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.