Pensionistas e medicinas. Coa mestura destes dous delicados temas, PSdeG e PP avanzaron un chanzo máis nunha precampaña que colle forma. Mentres Pachi Vázquez, líder do PSdeG, insistiu en que eliminará o copago farmacéutico se logra alcanzar a Xunta nas vindeiras eleccións, o conselleiro de Presidencia e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, presumiu de que os pensionistas do país non vaian ter que adiantar o custo das súas menciñas, máis aló dos 8 euros esixidos como tope para as rendas menores de 18.000 euros. "Isto é o que vai pasar aquí, ao contrario do que se fará noutras autonomías", asegurou tras o comité de dirección dos populares.
Tan só un día antes de que entre en vigor o novo e polémico modelo de copago, Alfonso Rueda argumentou que "o índice de déficit de Galicia, o máis baixo de todas as comunidades" é o que "permite" á autonomía "aplicar este tipo de medidas que suavizan as que se implantan a nivel estatal".
Case á mesma hora, Pachi Vázquez insistía en que, no caso de gobernar, eliminará o copago farmacéutico, que considera “absolutamente inxusto”. Nun encontro con pensionistas en Ourense, o secretario xeral do PSdeG preguntouse se “non haberá de onde sacar 33 millóns de euros (a cantidade de aforro que supón) sen sacárllelos aos pensionistas que teñen as pensións máis baixas de España”. “Esa cifra non representa nin o 0,9% do total do orzamento de Galicia, de 9.000 millóns de euros”, aclarou.
Pachi Vázquez lembrou que as pensións dos galegos son as máis baixas do Estado
O líder dos socialistas galegos lembrou que as pensións dos galegos son as máis baixas do Estado e as dos ourensáns as menores de Galicia. “Aquí a maior parte cobra 609 euros ao mes, e non van ter que pagar só o 10% das menciñas, senón 426 medicamentos”, dixo Vázquez, en referencia á retirada do financiamento dunha morea de produtos farmacéuticos.
"Se nós gobernamos este país, os pensionistas galegos non pagarán os medicamentos, porque a cantidade non representa nin o 0,9% dos orzamentos de Galicia e porque creo que é absolutamente inxusto facer pagar esta crise ao elo máis débil da cadea social", aclarou. “Se hai un presidente socialista tras as vindeiras eleccións autonómicas, os galegos, como os vascos, non pagarán nin un só medicamento”, reiterou.
"Pídolle a Feijóo que non traizoe máis a este país e que non lle minta aos galegos; asuma o seu fracaso político"
Así, o líder do PSdeG esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "que non traizoe máis a este país, que non lle minta máis aos galegos e asuma o seu fracaso político". “É inxusto estar a pedir 7.000 millóns a Novagalicia Banco e non ter 33 millóns para que os maiores non paguen os medicamentos".
Como solución, Pachi Vázquez propuxo a creación dun imposto á banca, que “suporía 60 millóns de euros", así como outros tributos ás rendas máis altas, grandes superficies comerciais ou aos maiores patrimonios galegos.