O PSdeG promove un pleno para que dimita o alcalde que xustificou os asasinatos de Franco

O alcalde de Baralla, con Rajoy e veciños da vila nun acto electoral © PP

A oposición en Baralla non quere que morra o conto. Despois de que o alcalde da vila, Manuel González Capón (PP), xustificase os asasinatos do franquismo durante o pleno municipal do pasado 26 de xullo socialistas e nacionalistas da localidade ínstano a abandonar o seu cargo. Mentres os servizos xurídicos da Deputación de Lugo estudan se o rexedor conservador infrinxiu a Lei de Memoria Histórica o PSdeG disponse a promover un pleno extraordinario para reclamar a dimisión de González Capón. 

Aínda que o PP domina a corporación municipal cunha folgada maioría absoluta -8 edís fronte a 2 do BNG e un só socialista- o PSdeG considera que "a responsabilidade e a ética política deben ir vencelladas coa representación política dos cidadáns nunha democracia". Por iso, din, González Capón deben "deixar o seu cargo" tras "unhas declaracións que degradan as vítimas do franquismo en particular e a calquera demócrata en xeral.

"Estas declaracións non son unha mera saída de ton nin entendibles na calor dunha discusión"

Neste contexto, o PSdeG procurará o apoio do Bloque para, xuntos, tentar convocar unha sesión plenaria "co obxectivo de tratar en exclusiva e poder aclarar as responsabilidades do alcalde tras as súas declaracións". Despois de afirmar que "os condeados a morte" na ditadura "será porque o merecían" os socialistas instan o popular a marchar "sobre a base da responsabilidade civil das súas declaracións", que "non son unha mera saída de ton" nin tampouco "entendibles na calor dunha discusión", como xustificou o alcalde. "Abrir xustificacións deste tipo permitiría a calquera representante político ter unha coartada para calquera atrocidade semellante", censuran.

Por todo isto os socialistas coidan que a veciñanza de Baralla "non merece ser coñecida pola nula calidade democrática do seu alcalde". Así, conclúen, cómpre un pleno extraordinario para evidenciar que "“a responsabilidade e a ética política son dous conceptos que deberían ir vencellados ineludiblemente coa representación política dos cidadáns nunha democracia".

O alcalde de Baralla, con Rajoy e veciños da vila nun acto electoral © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.