O PSdeG-PSOE irá "concello a concello, chiringuito a chiringuito" para completar a querela contra Baltar

Feijóo, con José Luis Baltar e outros cargos nun magosto do PP de Ourense en 2008 CC-BY-SA PPdeG

Os socialistas persoaranse como acusación na causa aberta pola Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra o ex presidente da Deputación. Ignacio Gómez, portavoz provincial, fixo fincapé na “inxustiza social” que supón a situación de "prevaricación continuada" que derivou na creación "dun estado clientelar na Deputación de Ourense". Gómez di que “parece claro que centos de cargos públicos e institucionais foron contratados na Deputación”, provocando unha “perversión da propia democracia e de resultados electorais”.

Ambos os dous dirixentes socialistas lamentan que centos de ourensáns e ourensás que “teñen que coller a maleta” mentres outros, "por só ter vinculación co PP disfrutan de soldos de 50.000 euros"

O Secretario Provincial do PSdeG-PSOE, Raúl Fernández, sinala neste sentido que, ao contrario que en outras provincias, na de Ourense, “non coñezo ningunha academia que publicite formación para as prazas que saen na Deputación”. Ambos os dous dirixentes socialistas lamentan que centos de ourensáns e ourensás que “teñen que coller a maleta” mentres outros, "por só ter vinculación co PP disfrutan de soldos de 50.000€".

Raúl Fernández recordou ademais que esta acción da fiscalía ten como punto de partida as denuncias que desde hai 20 anos veñen facendo os socialistas en relación aos métodos de contratación na provincia de Ourense, e máis concretamente nas elevadas o 15 de xuño de 2010.

Ignacio Gómez engadiu que o proceso se podería estender tamén ás contratación feitas xa por Manuel Baltar, actual Presidente da Deputación

A Secretaria de Organización provincial, María Quintas, anunciou que o PSdeG-PSOE “irá concello a concello, chiringuito a chiringuito, facendo un estudo pormenorizado” para engadir á causa recentemente aberta. Ignacio Gómez engadiu que o proceso se podería estender tamén ás contratación feitas xa por Manuel Baltar, actual Presidente da Deputación. "Algo moi factible", a xuízo do Portavoz socialista, porque “continúa o mesmo modus operandi” de persoas afíns ao PPdeG ou ben inmersas nun “intercambio de cromos, polo que se intercambian postos na deputación a fillos de alcaldes e responsables das mancomunidades a cambio da colocación neses concellos destas persoas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.