O PSdeG ve "intereses de empresas" na privatización do control da tuberculose

Acuña, durante a rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

"O interese das empresas privadas por entrar nas prestacións sanitarias". É a única explicación que a voceira do PSdeG en materia sanitaria, Carmen Acuña, atopar para a decisión do Servizo Galego de Saúde de privatizar a supervisión dos tratamentos de tuberculose, operación que, tal e como adiantou Praza Pública, se desenvolve a través dunha licitación na que o Goberno galego gastará ata 350.000 euros. Médica de profesión, Acuña subliña que estas unidades de tratamento, que agora perden parte das súas funcións, "viñan traballando moi ben, eran modélicas", polo que non ten sentido, ao seu xuízo, darlle entrada ao sector privado.

Os profesionais sanitarios "poñíamos sempre como exemplo" a estas unidades polo seu bo funcionamento. "Funcionaba moi ben" e facíao "con recursos propios", abonda a parlamentaria, para quen é "incomprensible" mudar este modelo de xesitón. "Podo entender que se fagan cambios en algo que non marcha ben ou resulta excesivamente caro", pero este non é o caso, afirma. Ben ao contrario, Acuña coida que tras a burbulla inmobiliaria cómpre empezar xa a "falar de burbulla sanitaria". "Esta xente que antes estaba interesada no ladrillo", di, en referencia ás "grandes empresas moi relacionadas con gobernos do PP", agora "están presionando" para facerse coa xestión de certos ámbitos da sanidade. "Esta cesión desta unidade é un exemplo máis".

"As grandes empresas que antes estaban interesadas no ladrillo agora presionan" para entrar na sanidade, alerta a deputada

Do mesmo xeito, e como xa fixera a plataforma SOS Sanidade Pública, a voceira sanitaria dos socialistas subliña que esta "non é unha unidade calquera" como para trasladar parte das súas funcións ao sector privado. A tuberculose, lembra, "é unha patoloxía que ten o seu aquel en canto a confidencialidade e sensiblidade social", polo que, dende o seu punto de vista, a Xunta non debería favorecer que as empresas privadas poidan chegar a acceder ás historias clínicas dos doentes.

Acuña abordaba esta privatizacón durante unha comparecencia de prensa na que deu por constatadas todas as alertas que a súa formación lanzou sobre a sanidade pública nos últimos meses. "Cada día que pasa aumentan un pouco máis os impostos máis inxustos, os impostos á enfermidade", di a deputada para afirmar que xa hai pensionistas que "están deixando de tomar medicinas, interrompendo os seus tratamentos, por non poder pagalos". "Dicían que era para aforrar pero non é verdade", porque "aforra o Goberno e paga o pensionista". Mentres, a intención "disuasoria" argumentada polos Gobernos galego e central só o é "para o pobre" que, entre o novo copagamento e a eliminación de medicamentos do financiamento público, calcula, tense que enfrontar a un gasto de arredor de "25 ou 30 euros por pensionista" ao mes.

Acuña, durante a rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.