O PSdeG ve un "socio preferente" no BNG, disposto a pactar "un cambio profundo"

Pachi Vázquez e Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA PSdeG/BNG

Ao remate da pasada lexislatura a abrupta saída da Xunta de PSdeG e BNG deixou en ambas formacións fondas feridas, tamén no relacionado co entendemento entre ambas forzas políticas. Aínda que en diversas institucións locais socialistas e nacionalistas mantiveron e formaron gobernos de coalición con normalidade, ao máximo nivel producise un período no que as olladas mutuas apenas se producían. Máis de tres anos despois os movementos internos e o clima político xeral variou notablemente e, a un mes do inicio da campaña, ambas forzas non evitan deixar sobre a mesa mensaxes de entendemento nun escenario político e electoral moito máis aberto do que se podía prever hai escasos meses.

Mostra disto son as declaracións públicas lanzadas este xoves pola deputada e secretaria de economía do PSdeG, Carmen Gallego, e polo candidato do BNG á Presidencia, Francisco Jorquera. Ao seren cuestionados polas posibilidades de entendemento en caso de que o 21-O dea lugar a un panorama sen maiorías absolutas, ambos deixaron as portas notablemente abertas. Así, Gallego sinala que a aspiración do seu partido "ser un goberno con maioría" pero "hai que se realistas", polo que existe disposición a un diálogo con outras opcións políticas" no que "o noso socio preferente é o BNG". Como xa afirmara o aspirante socialista á Xunta, Pachi Vázquez, a parlamentaria amosa a "vontade" de que "deixe de gobernar o PP" e se "abra unha nova etapa política en Galicia", sempre tendo en conta que "primeiro os galegos teñen que falar" e que o PSdeG non estará no Goberno "a calquera prezo".

Neses mesmos termos se expresa tamén Jorquera. O Bloque tampouco retornará a San Caetano "a calquera prezo" e "participará" nunha eventual coalición en base a "un programa claro" que teña por obxectivo un "profundo cambio de rumbo". Con estas coordenadas básicas, explica o nacionalista, se tras a cita electoral o mapa político implica diálogo entre "máis dunha forza política" para "asegurar a gobernabilidade do país", o BNG estará disposto, aínda que sempre tendo en conta de que "está en xogo moito máis que a cor política" da Xunta, senón "o modelo de sociedade das xeracións futuras".

 

Vázquez reuniuse este xoves con gandeiros na Pastoriza CC-BY-NC-SA PSdeg
Jorquera, nun acto público en Ourense CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.