O PSOE da Coruña acusa a Negreira de gastar 150.000 euros "en petiscos" en Londres

Stand da Coruña en Londres © Concello da Coruña

"Un despropósito e un desbalde". É o que para o PSOE da Coruña supon o gasto de "150.000 euros en tres días de promoción en Londres" que é, asegura, o que vén de facer o Concello da Coruña "a través do Consorcio das Mariñas". "O alcalde gasta en tres días en Londres o mesmo que dedica nun ano aos convenios de apoio ao comercio coruñés", asegura o concelleiro José Nogueira, para censurar unha campaña que "consisttiu en gastar 50.000 euros ao día" a través do "reparto de petiscos e canapés aos executivos da City de Londres, ofrecer menús subvencionados nun restaurante" da capital británica, "unha charla" da concelleira de Turismo "para cincuenta personas" e un concerto de Jane Joyd para outras 300.

"Malia á forte contracción no consumo, coa caída en picado das vendas, o peche do 23% dos establecementos nun ano e medio e na suba de impostos coma o IVE", Carlos Negreira "dedícalle máis a unha campaña de promoción de tres días", lamentan os socialistas, antes de debullar o menú que, din, foi pagado con fondos públicos, a saber: "tostas de queixo de tetilla con tomate, marmalada e bocarte" ou "pementos con atús", entre outros. Ademais, "a campaña incluíu" entre o 15 e o 18 de outubro "a colaboración cun restaurante para ofrecer menús galegos" que "oscilan entre as 25 e as 25 libras" cun prezo subvencionado "de, cando menos, o 40%".

O PSOE asegura que o "prato forte" da campaña foi "o reparto de petiscos aos executivos da City de Londres"

Esta información tírana os socialistas dun prego de condicións no que, afirman, fica reflectido que "a empresa adxudicataria debería garantir un mínimo de 50 persoas á presentación da concelleira de TUrismo e outorgábase un punto extra na valoración por cada dez persoas máis que asistisen". "Nese acto -subliñan- tamén se serviron petiscos". A campaña incluíu tamén "reparto de folletos e instalación de stands", pero, "como o propio goberno local transmitiu aos medios de comunicación", o "prato forte" consistiu "nos petiscos aos executivos" os devanditos actos subvencionados.

Do mesmo xeito, Nogueira censura especialmente que a delegación coruñesa "non perdese a oportunidade de acudir de compras dentro das actividades de promoción", tal e como "explicou a xerente de Turismo no seu Twitter". Neses tweets Fernanda Arenas detallaba que "tentei probar un pantalón en Abercrombie -firma téxtil norteamericana- en Londres e había unha ringleira no probador dunha hora", entre outros comentarios. "No canto de relatar as súas dificultades para mercar en Londres, ao mellor debería mercar na Coruña", conclúe o edil do PSOE. Segundo o Concello os socialistas "menten" ao dicir que a campaña foi pagada "con cartos dos coruñeses", xa que foi financiada a través do Plan de Dinamización do Produto Turístico, que inclúe cartos do Concello, do Ministerio de Industria, da Xunta, do Consorcio das Mariñas e da Asociación de Hostalería.

Stand da Coruña en Londres © Concello da Coruña
Imaxe promocional da campaña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.