O PSOE, decidido a vetar o grupo propio de En Marea no Congreso

Os deputados e deputadas de En Marea tralas eleccións de 2015, ante o Congreso CC-BY-SA En Marea

Adiantouno á mañá Pedro Sánchez nunha entrevista na Cadena SER. Ve "moi complicado" que En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podem conten con grupo propio porque o impediría o regulamento, e insta a Podemos a pular por un cambio na normativa. Continuou á tarde Patxi López, candidato socialista a presidir o Congreso, que cre que o mesmo regulamento di "ben claro" que non se poden constituír os tres grupos porque neles hai integrantes de Podemos que non se incluirían no da formación morada. 

Pedro Sánchez e Patxi López negan a posibilidade de En Marea de ter grupo propio no Congreso

Nada dixeron nin o secretario xeral nin López dos deputados de IU que tamén se inclúen en varias destas candidaturas e que non formarían parte do que a formación de esquerda formará en Unidade Popular. É o caso de Yolanda Díaz, deputada electa por En Marea, que considera un "golpe de estado metafórico" a actitude do PSOE e que respondeu ás palabras de Sánchez, que advertiu que o Congreso "non é unha Cámara territorial". 

Yolanda Díaz considera que as intencións dos socialistas "van contra a posibilidade de que o Estado teña políticas alternativas" e que deixan claro que o PSOE "ten un pacto con Ciudadanos para presidir a Mesa da Cámara Baixa", ao que engadiu que o líder socialista "estase a inmolar". Para a deputada de En Marea, a súa formación "reúne sobradamente todos os requisitos que establece o regulamento do Congreso", polo que "é unha pena", dixo, que unha decisión política "impida que o grupo se materialice". "O PSOE mostra a súa cara máis centralista e reaccionaria, ademais de afirmar que Galicia non é unha nación e que non ten dereito como pobo", engadiu. 

"O PSOE mostra a súa cara máis centralista e reaccionaria, ademais de afirmar que Galicia non é unha nación e que non ten dereito como pobo"

Nos mesmos termos se manifestou Martiño Noriega, alcalde de Santiago, que cre que "sería un grave erro" que o PSOE "fixese seguidismo do PP e Ciudadanos". O covoceiro de Anova lembrou que En Marea "é unha candidatura con personalidade propia recoñecida a nivel do Estado" na queu "non só hai membros dunha expresión política, senón de diversas forzas e plataformas". "É unha expresión política do país e se Pedro Sánchez está a pechar a porta a este tipo de cuestións, está a facer unha relectura interesada", engadiu quen cre que de confirmarse este veto do PSOE "sería unha cuestión para tomar nota". 

Martiño Noriega cre que un veto definitivo do PSOE ao grupo galego "sería unha cuestión para tomar nota"

Desde A Coruña, o seu alcalde, Xulio Ferreiro, tamén cre que a conformación dun grupo propio galego "responde a unha realidade obxectiva". Nunha entrevista en Público, o rexedor insiste en que En Marea "é unha candidatura autónoma, independnete, plural, con personalidade xurídicia propia e que responde a un suxeito político propio de carácter galego. O lóxico, con estes vimbios, é queu haxa un grupo parlamentario que represente esta candidatura", rematou. 

 

Un regulamento adaptado a cada caso

En  Marea cumpriu os requirimentos básicos que determinan se unha formación acada ou non o grupo parlamentario ao obter, como establece o artigo 23 do regulamento do Congreso, "un número de escanos non inferior a cinco e, polo menos, o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións nas que tivesen presentado candidatura ou o 5% dos emitidos no conxunto da Nación".

É ao punto 2 deste mesmo artigo ao que se agarran Ciudadanos, PP e agora o PSOE para poñer atrancos. Nel aclárase que "en ningún caso poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido. Tampouco poderán formalo os deputados que, no tempo das eleccións, pertencesen a formacións políticas que non se tivesen enfrontado ante o electorado".

Carlos Aymerich, profesor titular de Dereito Administrativo na UdC, elaborara hai meses un informe xurídico no que se argumentaba a lexitimidade dun grupo propio galego malia que unha formación se presentase como coalición. Nunha entrevista na TVG, o ex deputado do BNG aclarara que "a idea de partido debe interpretarse segundo a Loreg, que di que poden presentarse ás eleccións partidos, coalicións, federacións de partidos e agrupacións de electores". Ademais, asegura que outros textos normativos semellantes repiten este artigo 23.2 engadindo, precisamente, estas posibilidades ao propio "partido".

Desde En Marea lémbrase ademais a amplísima e flexible interpretación que se leva feito sobre o regulamento do Congreso nos últimos anos para favorecer os grupos doutros partidos. Na última lexislatura, UPyD, co 4,7% dos votos a nivel estatal, puido ter grupo parlamentario grazas á cesión momentánea dun deputado de Foro Asturias. O mesmo ocorrera noutras ocasións con Coalición Canaria ou IU e grazas ao préstamo de parlamentarios do PSOE ou ERC.

En Marea lembra casos como os de UPyD ou CC, que mesmo sen cumprir os requirimentos básicos, formaron grupo propio

Tamén nesta última lexislatura, a Mesa do Congreso impediulle a Amaiur formar grupo propio por non ter sumado o 15% dos votos en Navarra malia ter superada esa porcentaxe nas provincias da autonomía vasca. Anos antes, ERC puido ter grupo propio malia non chegar ao 15% en Valencia, onde tamén se presentara. Ademais, durante moito tempo, o PNV tivo grupo parlamentario malia non superar tampouco ese limiar no territorio navarro. De feito, de cumprir a normativa, nin Democracia i Llibertat nin Esquerra poderían formar grupo desta vez. 

Pedro Sánchez, na entrevista na Cadena SER © Cadena SER

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.