O PSOE leva a Castelao Bragaña á Fiscalía e compárao co imán de Fuengirola

Castelao Bragaña, segundo pola dereita, nun acto con Santiago Camba © Xunta

A secretaria de Igualdade do PSOE, Purificación Causapié, vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado para que investigue as declaracións do que xa é ex presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, José Manuel Castelao Bragaña polas declaracións nas que afirmou que "as leis son como as mulleres, están para violalas".

O PSOE compara as palabras de Castelao coas do imán de Fuenxirola, que recomendaba como pegar as mulleres sen deixar marcas

Os socialistas, tal e como explicou a súa voceira, pensan que nas manifestacións "existe, ou pode existir, un delito de provocación e incitación á violencia contra as mulleres e, en concreto, un delito de provocación á violación". Así, a secretaria de Igualdade comparou as súas declaracións coas do imán de Fuengirola en 2004 e lembrou que foi condenado "por unha acción semellante". Daquela, Mohamed Kamal Mostafa recomendara como pegar as mulleres sen deixar marcas.

Para Purificación Casuapié, as palabras de Castelao Bragaña "van en contra do dereito á igualdade recollido no ordenamento xurídico e na Constitución", e aclara que estes delitos están recollidos no artigo 510 do Código Penal. Ademais, destacou o "agravante" de que Castelao Bragaña fixese tales declaracións mentres exercia un cargo público e logo de, "como membro do PP, desempeñar distintas responsabilidades públicas".

Os socialistas esixen que Feijóo e Báñez "se desculpen publicamente" e "aclaren por que o nomearon"

Do mesmo xeito, a secretaria de Igualdade esixiu, unha vez máis, ao candidato do PP á presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e á ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, que "se desculpen publicamente por este nomeamento, e que expliquen e aclaren por que nomearon a Castelao Bragaña, que tivo esta actuación claramente ofensiva cara ás mulleres".

"Esiximos a Báñez e a Feijóo que asuman a súa responsabilidade e digan por que tiveron tanto tempo un colaborador que incita á violencia contra as mulleres", afirmou a dirixente socialista, que cre que o silencio da ministra Báñez "é significativo do que lle importa un feito destas características" e do que lle importa "cando se ofende as mulleres e as leis deste país".

Castelao Bragaña, segundo pola dereita, nun acto con Santiago Camba © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.