O PSOE leva ao Congreso o "uso de coches oficiais" na viaxe electoral de Feijóo a Sudamérica

Feijóo, nun mitin en Bos Aires © PPdeG

O Paxariño Novo segue dando que falar e que preguntar. Despois de que o pasado 3 de outubro saíse á luz que Alberto Núñez Feijóo empregou o avión privado do acaudalado empresario José Benito López Carballedo para desprazarse de Bos Aires a Montevideo durante a súa xira electoral por Sudamérica, este sábado o PSOE vén de albiscar un novo interrogante nos feitos, divulgados por, entre outros, o diario El País. Ademais de reclamar explicacións pola utilización da aeronave -a lexislación vixente estipula que este tipo de prestacións de servizos son doazóns aos partidos políticos- os socialistas recean doutro dos detalles que é posible apreciar nas fotografías que acompañan á devandita información: un vehículo oficial da embaixada española na Arxentina.

A través do seu deputado no Congreso Antonio Hernando os socialistas véñense de dirixir ao Goberno central para "demandar información sobre a posible utilización, por parte do candidato popular, dalgún vehículo oficial das representacións diplomáticas ou consulares españolas". "De ser certo uso destes vehículos -di Hernando- o Goberno debe explicar porque permitiu esta utilización por parte dun canidato durante unha viaxe de promoción da súa candidatura". "Feijóo dixo que o jet era propiedade dun militante do partido", admite o PSOE, se ben "nas fotos aparece tamén un vehículo oficial da Embaixada de España, concretamente un Mercedes", ademais do propio embaixador, Román Oyarzum, que "levou a FEijóo no vehículo oficial da institución ata o aeroporto", onde o esperaba o Paxariño Novo.

O PSdeG desmente que Pachi Vázquez recibise atencións semellantes

Neste contexto, cabe preguntase pola veracidade das acusacións e tamén polo feito de se a presenza de vehículos e persoal da embaixada é habitual neste tipo de viaxes. Dende o entorno do presidente da Xunta e candidato á reelección asegúrase que este tipo de atencións entran dentro da normalidade, sempre que un político español comunica -como é preceptivo- a súa estancia nun país estranxeiro. Así, explican, a embaixada facilita determinados desprazamentos, algo que, aseguran, tamén acontece se quen viaxa é un representante da oposición. Pola contra, na oposición desméntese esta versión. Fontes socialistas consultadas por Praza aseguran que, por exemplo, na viaxe realizada por Pachi Vázquez aos mesmos países con tan só vinte e catro horas de diferenza, o candidato do PSdeG non foi obxecto de ningún tipo de privilexio. Si foi recibido por un representante da embaixada que, en calquera caso, aseguran, non puxo á súa disposición vehículo nin atención ningunha.

 

Feijóo, nun mitin en Bos Aires © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.