O PSOE propón a Abel Caballero para presidir a FEMP

Abel Caballero, investido por terceira vez alcalde de Vigo © Concello de Vigo

A Executiva do PSOE vén de propoñer o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como candidato a dirixir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cuxa asemblea reunirase o vindeiro día 19 de setembro para elixir o novo presidente.

Caballero é na actualidade o vicepresidente da FEMP, colectivo que agrupa 7.323 entidades locais e que leva en mans do Partido Popular desde 2011. Agora, e logo das eleccións municipais do pasado 24M, o PP goberna nuns 3.000 concellos do Estado e ten algo menos de 23.000 concelleiros, uns 300 máis dos que ten o PSOE. 

A Executiva propón a Caballero para presidir a FEMP, cuxa asemblea reunirase o vindeiro 19 de setembro

Pero os socialistas cren seguro que gobernarán a FEMP co apoio doutros partidos xa que ten máis alcaldías nas grandes cidades. Entre as de máis de 50.000 habitantes teñen 69 alcaldías, polas 43 do PP, mentres que nas vilas de másid e 20.000 ten 180 polas 92 dos conservadores. 

De conseguir a presidencia, Abel Caballero substituirá o alcalde e Santander, Íñigo de la Serga (PP), logo de ser o alcalde do PSOE que obtivo a vitoria máis ampla nos pasados comicios locais, ao lograr unha ampla maioría absoluta con case o 52% de votos en Vigo, 17 puntos máis que os que obtivera en 2011. 

Caballero foi o alcalde socialista que obtivo a maioría máis ampla o pasado 24M

Abel Caballero, que conta con 69 anos, alcanzaría así a presidencia da FEMP logo de exercer de ministro de Transportes, Turismo y Comunicacións no goberno de Felipe González de entre 1985 e 1988, ademais de ser deputado por Pontevedra en varias lexislaturas e candidato á presidencia da Xunta.

Abel Caballero, investido por terceira vez alcalde de Vigo © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.