O PSOE propón que a sanidade figure na Constitución como un dereito fundamental

Alfredo Pérez Rubalcaba, na súa intervención no 38 Congreso Dominio Público PSOE

O artigo 43 da Constitución afirma que "se recoñece o dereito á protección da saúde" e que "compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. A Lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto". Porén, este artigo non figura no capitulo dedicado aos dereitos fundamentais onde si figura por exemplo o dereito ao ensino e a gratuidade no seu nivel básico. A Constitución establece unha reserva de Lei Orgánica para os Dereitos Fundamentais, unha protección especial que impide por exemplo que se lexislen por decreto-lei.

Os socialistas aseguran que isto protexería a sanidade fronte a futuros intentos de privatización

Este xoves, no marco dos actos institucionais de conmemoración do aniversario da Constitución, Alfredo Pérez Rubalcaba deixou caer en conversa cos xornalistas unha proposta para reformar a Carta para que a sanidade, pública e gratuita, figure no texto como un dereito fundamental. Os socialistas aseguran que isto protexería a sanidade fronte a futuros intentos de privatización. Rubalcaba apostou por "adaptar a Carta Magna aos novos tempos" e indo máis aló dalgunhas das propostas de modificación que até o de agora se puxeron sobre a mesa, coma a reforma do modelo territorial ou no capitulo da Coroa.

Ademais, Rubalcaba pediulle a Mariano Rajoy que "cumpra" a Constitución, pois consideran que o Goberno a está vulnerando coa reforma laboral, a amnistía fiscal, o decreto que cambia o funcionamiento de RTVE ou a lei de taxas xudiciais. 

Alfredo Pérez Rubalcaba, na súa intervención no 38 Congreso Dominio Público PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.