O PSOE xa abre a porta a que En Marea conte con grupo propio no Congreso

Os deputados e deputadas de En Marea tralas eleccións de 2015, ante o Congreso CC-BY-SA En Marea

O PSOE abre a porta ao grupo propio de En Marea -e ao de En Comú Podem e Podem-Compromís- no medio das intensas negociacións para a conformación da Mesa do Congreso do vindeiro día 13. O deputado electo dos socialistas, Rafael Simancas, asegurou este sábado que a formación traballa nun "acordo global" con todos os grupos para que tanto a Cámara Baixa como a Alta "reflictan a pluralidade da sociedade española". 

Simancas asegura que o PSOE traballa nun "acordo global" para que Congreso e Senado "reflictan a pluralidade da sociedade"

Malia que son varios os sectores do PSOE que non aceptan que as coalicións de esquerda conten con grupo propio, Simancas aclarou que no partido están "abertos a ese debate", en referencia á intención de que as formacións galega, catalá e valenciana conten co seu grupo parlamentario propio, tal e como aspiraban en campaña. De feito, o PSC xa tería reclamado á dirección socialista contar co seu propio grupo no Congreso no caso de que se aceptase o de En Comú Podem. 

"Sabemos da dificultade que ten esa cuestión e esa proposta porque non está contemplada no regulamento", dixo o deputado socialista respecto da reclamación de En Marea e o resto de coalicións, tras advertir de que o tema está aínda "sendo obxecto de análise xurídica e de conversas entre os grupos". 

No entanto, as forzas coaligadas insisten en que a lei está do seu favor. Desde a formación galega apelouse mesmo a un informe que o ex deputado do BNG e profesor titular de Dereito Administrativo, Carlos Aymerich, elaborara nos momentos en que Iniciativa pola Unión e outros colectivos negociaban a confluencia en Galicia. Este texto será empregado por En Marea no Congreso para defender o seu dereito a ter grupo propio.

A secretaría xeral do Congreso xa aclarou nalgunha ocasión que as coalicións teñen entidade xurídica propia  

Nunhas declaracións á TVG, Aymerich insiste en que En Marea ten dereito a grupo "en base ao que di o regulamento, pero tamén ao que ten dito a secretaría xeral do Congreso en varias notas". A coalición galega cumpriu os requirimentos básicos que determinan se unha formación acada ou non o grupo parlamentario ao obter, como establece o artigo 23 do regulamento do Congreso, "un número de escanos non inferior a cinco e, polo menos, o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións nas que tivesen presentado candidatura ou o 5% dos emitidos no conxunto da Nación".

É ao punto 2 deste mesmo artigo ao que se agarran Ciudadanos, PP e parte do PSOE para poñer atrancos. Nel aclárase que "en ningún caso poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido. Tampouco poderán formalo os deputados que, no tempo das eleccións, pertencesen a formacións políticas que non se tivesen enfrontado ante o electorado".

Pero Aymerich aclara que "a idea de partido debe interpretarse segundo a Loreg, que di que poden presentarse ás eleccións partidos, coalicións, federacións de partidos e agrupacións de electores". Ademais, asegura que outros textos normativos semellantes repiten este artigo 23.2 engadindo, precisamente, estas posibilidades ao propio "partido". 

"Desde un punto de vista xurídico-electoral, En Marea é unha coalición distinta dos partidos que a integran", lembra Aymerich

O ex parlamentario do BNG lembra, tamén, a arbitrariedade coa que se trata esta normativa e lembra como na lexislatura pasada Amaiur non tivo grupo propio malia cumprir as mesmas condicións que sempre llo permitiran ao PNV, ou como ao Bloque non lle foi permitido en 2000 nas mesmas condicións que si o fixeron posible para Coalición Canaria co empréstimo de deputados doutras formacións. "Desde un punto de vista xurídico-electoral, En Marea é unha coalición distinta dos partidos que a integran", insiste quen tampouco ve problemas aos reproches que poñen Ciudadanos ou PP, que acusan a Podemos de querer conseguir máis cartos a través dos grupos onde está coaligada a súa formación. "Se ese fose o problema, a solución é moi doada: chegar a un acordo na Mesa do Congreso para reducir o diñeiro que recibe cada grupo". 

Sexa como for, a decisión a última hora será política e froito da negociación que manteñen PSOE e Podemos. No caso de que a formación morada facilite unha presidencia do Congreso socialista, o grupo de En Marea estaría case asegurado. No caso dun acordo entre PP e PSOE para a Mesa do Congreso, o grupo galego sería inviable. 

Os seis deputados de En Marea no Congreso Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.