As conversas intervidas ao ex-presidente da Comunidad de Madrid, Ignacio González, deitan luz sobre as liortas internas no PP e tamén sobre as intencións dunha parte do partido enfrontado a Rajoy en canto este deixe o liderado da formación. O interlocutor é na maioría das veces Eduardo Zaplana, ex-ministro de Traball e ex-presidente da Generalitat valenciana. Tal e como revelan as gravacións ao abeiro da operación Lezo ás que tiveron acceso La Vanguardia e El Periódico de Catalunya, un e outro teñen relacións con importantes cargos do partido contrarios ao actual presidente do Goberno e tamén con o ex-presidente José María Aznar que, segundo contan, tería un "odio africano" ao actual xefe do Executivo.
Zaplana e González falan do "odio africano" de Aznar a Rajoy
Ademais, na conversa interceptada Zaplana relata un encontro con Aznar do que se desprendería a súa animadversión cara a Rajoy e as intencións deste de que remate canto antes a súa etapa á fronte do Goberno e do partido. E aí onde xorde a figura de Feijóo, citado como único exemplo cando se debate sobre as alternativas ao liderado no PP estatal. O rumor que sempre perseguiu ao presidente da Xunta sobre as súas intencións futuras de acabar na Moncloa son reforzados nesta parola gravada pola Unidade Central Operativa (UCO) da Guardia Civil.
"Aznar díxome, 'mira macho, o único acto que fago, ao que non podo dicir que non, é a Jaiime Mayor. Ao que me pida téñolle que dicir que si". Sobre Rajoy, Aznar teríalle comentado a Zaplana que "este non pode continuar". "Este Rajoy é imposible. Esta lexislatura non pode durar. Eu xamais vou facer nada qeu poidan decir que fodín o PP, pero, iso si, cando chegue o momento que este caia, poñer claramente cal é a miña posición e que con este non teño nada que ver. A ver se cando este caia nos vai arrastrar a todos", contou o ex-dirixente valenciano a González sobre a súa conversa con Aznar.
"Aznar pensa que lle dá igual quen sexa, o caso é salvar a cara; se é Feijóo, pois Feijóo", di Zaplana sobre unha conversa con Aznar
"Será para levantarse porque arrastrado xa está de carallo", respondeu o ex-dirixente madrileño. Segundo Zaplana, Aznar non lle quixo desvelar quen sería o seu candidato para substituír a Rajoy na presidencia do PP. "Creo que el está pensando que dá igual quen sexa, o caso é salvar a cara e dicir que este Rajoy foi un fillo de puta... Se é Feijóo, pois Feijóo. O que veña terá o seu apoio. Porque el non está para dicir 'ten que ser este' porque poden mandalo a tomar polo cu", asegura.
Segundo di Zaplana, o obxectivo de Aznar é apoiar o próximo candidato que substitúa a Rajoy, "coa escusa de que os principios volvéronse recuperar no PP de centro dereita". Ademais, conclúe que Aznar "está cun odio africano a Rajoy que xa non se oculta e pouquiño máis".