O reparto a discreción de Diego Calvo na Deputación da Coruña

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña © Xunta

Narón, Teo e Oleiros presentaron senllas denuncias ante o xulgado do contencioso administrativo contra a Deputación da Coruña polo que consideran un reparto "arbitrario, clientelar e ilegal" de case 18 millóns de euros que o ente provincial asignou a determinados municipios sen convocatoria pública, de maneira directa e a través de convenios unilaterais. Unhas partidas que deixaron fóra, curiosamente, a todos as localidades da provincia gobernadas por partidos independentes ou que non son o PP, o PSdeG ou o BNG, ademais dalgún máis da formación conservadora.

Son tres denuncias pero coordinadas e cun argumentario común, logo do acordo ao que chegaron os alcaldes dos tres municipios -que xuntan máis de 90.000 habitantes- para plantarlle cara ao que consideran "unha marxinación e exclusión sen motivo ningún" por parte de Diego Calvo, presidente da Deputación, ao que cualifican de "responsable" desta situación. "El é o culpable porque a idea sae del", explica Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros por Alternativa dos Veciños, que foi o primeiro en alzar la voz contra o que considera unha actuación "clientelar e ilegal" por parte do ente provincial.

O alcalde de Oleiros impulsou a denuncia do reparto "clientelar e ilegal" de subvencións na Deputación á que se uniron Teo e Narón

O pasado 22 de novembro denunciouno a berros e en público no pleno do organismo para tamén presentar alegacións ao reparto discrecional, en dúas partidas, de 18 millóns de euros. Fóronlle rexeitadas e decidiu acudir á Xustiza nunha denuncia á que se uniron Teo, gobernado por Anova, e Narón, por Terra Galega, e á que tamén tiña previsto unirse Ordes, cuxo rexedor é dun grupo independente, pero que se botou atrás, segundo o alcalde de Oleiros "porque o calaron con cartos". "Pero ese non é o xeito; o que debe facer a Deputación é sacar unha convocatoria oficial e non pecharlle a boca aos críticos con cartos", denuncia García Seoane.

O rexedor denuncia que a Deputación "pechoulle a boca con cartos" ao Concello de Ordes, crítico tamén nun principio co reparto de fondos

"Os tres concellos imos ao xulgado porque cremos que temos razón e que a lei nos ampara", di o rexedor oleirense, que lembra que os presidentes de deputacións "teñen potestado para facer convenios unilaterais, pero puntuais e moi determinados" cando xorde algún problema peculiar. "O que non se pode facer é 85 convenios marxinando sempre os mesmos; se o que se quere facer é unha doazón excepcional a determinados municipios, hai que facer un plan, que é o que sempre dixo a lei de réxime local e que a lei que agora se aproba referenda aínda máis", insiste. "Non se poden poñer en marcha estes convenios sen que se cumpran os principios de publicidade, concorrencia e igualdade que marca a normativa", di.

"PP, PSdeG e BNG reúnense e repártense os cartos e os demais quedan sen nada", censura quen acusa a Calvo de "facer que os outros partidos traguen"

García Seoane vai máis aló: "Aquí reúnense os tres grupos políticos maioritarios, repártense os cartos e os demais quedan sen nada... E son máis de 200 convenios nun ano". Para o rexedor de Oleiros, o responsable e o presidente da Deputación, que "fai que os outros partidos traguen repartíndolles diñeiro a todos", tras lembrar que o PP goberna na inmensa maioría dos concellos da provincia (máis de 60).

"Todos os concellos que non están gobernados por PP, PSdeG ou BNG quedaron excluídos. Vaia casualidade, non si?", pregúntase, tras advertir de que Diego Calvo tamén "decidiu marxinar cinco concellos do PP por clara animadversión persoal cara aos seus alcaldes". Refírese a Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Moeche, As Somozas e Cedeira, ademais de Toques, municipio onde independentes e populares alternan a alcaldía. "Para non darlle ás ou protagonismo ao independente, deixan a localidade sen subvencións", denuncia.

Oleiros denuncia que Diego Calvo excluíu do reparto de axudas a cinco concellos do PP "pola súa animadversión persoal cara aos seus alcaldes"

Para García Seoane, a táctica do PP na Deputación é clara. "Sácanme recursos e danme leña, a min e a outros alcaldes de concellos gobernados por independentes, para dificultar o traballo e evitar que luza a nosa xestión". Unha forma de afogar os municipios e marxinalos fronte ao resto, maioritariamente dirixidos por rexedores populares. No seu caso, cre que vén de lonxe. "Aos tres grandes partidos moléstalles que nunca puideran tomar Oleiros", remata.

Diego Calvo, nunhas obras de restauración dunha igrexa © Xunta
Ángel García Seoane © Concello de Oleiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.