Anuncios na TVG e nas dúas canles autonómicas privadas, insercións de media páxina impar a toda cor nos diarios impresos, cuñas radiofónicas de vinte segundos, banners de vídeo na prensa dixital, valados de vinte e catro metros cadrados nas principais cidades ou anuncios no transporte público. Son algúns dos soportes publicitarios que o Servizo Galego de Saúde está a piques de comezar a utilizar para procurar a "sensibilización e promoción do consumo de medicamentos xenéricos entre a poboación galega". E farao cun impacto nas arcas públicas nada desprezable. O contrato está licitado por 1 millón de euros, que co correspondente IVE se converte en 1,2 millóns. Non obstante, o "valor estimado" da operación, isto é, o importe máximo que podería chegar a costar a campaña tendo en conta factores como os prezos de mercado é de 2,2 millóns de euros.
Os trámites para formalizar esta acción publicitaria iniciáronse o pasado 11 de xaneiro e a primeira mesa de contratación celebrouse este martes, 20 de marzo. Na mesma xornada do día 20 entraba no Parlamento a resposta de Sanidade á pregunta formulada polo PSdeG en torno a este gasto. "Como xustifica a consellería que se gasten eses cartos nunha publicidade" que ademais "promove o incumprimento do acordo da prescrición por principio activo -promovido polo anterior Ministerio de Sanidade-", cuestionaban os deputados Modesto Pose e Carmen Acuña.
En 2010 Sanidade xa gastou 1,2 millóns de euros en publicitar a "modernización da sanidade pública en Galicia"
A explicación do departamento que dirixe Rocío Mosquera non foi especialmente extensa. Nese documento, a Consellería sinala que "a utilización de medicamentos xenéricos en España, e tamén en Galicia, sitúase en niveis inferiores aos dos países máis avanzados" e aínda que o uso dos mesmos "non constitúe un fin en si mesmo" contribúe "á sostenibilidade do sistema", din. Nestes contexto, detalla, "a poboación debe ter información correcta sobre as súas características e facer un uso correcto, eficiente e responsable dos recursos farmacoterapéuticos". "Estes son os obxectivos desta campaña, que non incumpre ningún acordo nin é incompatible coa prescrición por principio activo", conclúe o Goberno galego. Ademais, na resposta indícase que o "orzamento base de licitación" é de un millón de euros. Se ben esa afirmación é certa, non o é menos que o mero pagamento do IVE xa incrementa o valor final.
Así as cousas, e malia ás reiteradas críticas tanto do PSdeG como do BNG, que mesmo chegaron ao debate de política xeral, Sanidade seguirá adiante cunha contratación para a cal as posibles empresas adxudicatarias recibiron un modelo de proposición económica, cuxa copia acompaña esta información, que inclúe un detallado listado de medios de comunicación galegos, algún deles xa inexistente. Non é a primeira vez que a Consellería de Sanidade inicia un gasto en propaganda máis ou menos controvertido. En 2010, aínda con Pilar Farjas á fronte, a Consellería destinou 1,2 millóns de euros a anuncios sobre "sobre a modernización da sanidade pública en Galicia". Daquela, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificaba o gasto argumentando que "é o que corresponde facer" e engadindo que, en calquera caso, o seu gabinete "gasta menos" en publicidade "do que se gastaba anteriormente", isto é, co Goberno bipartito.