O Sergas só reduciu tres cregos mentres recortou 2.000 profesionais sanitarios

Capela do Hospital Universitario de Lugo © CYC Construcciones

O programa orzamentario de atención especializada é, dentro do orzamento do Servizo Galego de Saúde, o que  "comprende o conxunto de actividades" para "dar a mellor resposta ás necesidade de saúde dos cidadańs e garantirlles as prestacións sanitarias". Con 2.107,31 millóns de euros é un dos que absorben máis recursos dentro das contas sanitarias da Xunta. Deste programa saen os fondos para pagar os salarios de boa parte do persoal sanitario, para mercar subministros hospitalarios ou para sufragar concertos coa sanidade privada. Tamén, aínda que a priori cadre ben pouco co seu enunciado, é o que sostén os salarios do medio cento de postos de cregos que o Goberno galego mantén orzamentados, un plantel espiritual que apenas se reduciu en tres capeláns mentres o Sergas perdía uns 2.000 profesionais da saúde.

Os Orzamentos Xerais para 2015 contemplan, dentro do devandito programa, orzamento para pagar os salarios de 52 sacerdotes na rede de hospitais públicos de Galicia. Dende o retorno do PP á Xunta este número apenas variou, toda vez que só minguou en dúas ocasións: en 2010, cando o hospital da Coruña pasou de 8 aos actuais 7 cregos, e no pasado 2014, cando a área sanitaria de Ourense reduciu dúas prazas, quedando con fondos para 8 sacerdotes. A redución foi, polo tanto, do 5,5%.

Os fondos para sacerdotes saen do programa de "atención especializada"

Mentres isto sucedía a sanidade pública galega adaptábase ás novas restricións dos tempos de crise, tamén no ámbito do persoal. Segundo datos da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, tan só nos últimos catro anos o persoal sanitario en Galicia foi recortado en case 2.000 efectivos. Nomeadamente, no ano 2011 había 34.948 persoas traballando ao servizo do Sergas e en 2014 o plantel era de 32.985 persoas. A tesoirada chega, neste caso, ao 5,6%.

Máis de 600.000 euros para salarios

O mantemento dos sacerdotes a cobrar do Sergas segue a ter, malia ás lixeiras reducións dos últimos anos, un impacto nas contas públicas superior ao medio millón de euros que, ademais, non sofre redución ningunha dende hai tres anos. Así, en 2015 o departamento sanitario galego reserva 624.242 euros para os salarios dos 52 capeláns, exactamente os mesmos que en 2014. En 2013, aínda con dous postos máis en Ourense, estes fondos chegaban un chisco por riba dos 651.000 euros e nos tres anos anteriores, antes da aplicación de rebaixas salariais no conxunto do sector público, o montante total era de 677.135. En 2009, último ano do bipartito, o orzamento para salarios de cregos no Sergas acadaba os 713.800 euros e aínda contemplaba un sacerdote máis no Hospital da Coruña.

Os Orzamentos de 2015 contemplan 624.000 euros para os salarios dos cregos, igual que en 2014

Como no caso do número de efectivos totais, o orzamento para cregos non foi máis recortado que o conxunto dos recursos dedicados á sanidade nos Orzamentos Xerais. Ao contrario, foi reducido cunha intensidade practicamente idéntica. Así, entre 2009 e 2015 os fondos para soldos do "persoal relixioso" tiveron unha mingua de pouco máis do 12%. Mentres, os cartos públicos para sanidade pasaron de 3.546,63 millóns de euros en 2009 a 3170,02 en 2015, un recorte de case o 11%.

A orixe dos cregos do Sergas

Pero, por que o Sergas mantén estes cregos no seu cadro de persoal? Para responder a esta pregunta cómpre remontarse ata 1995, poucos anos despois de que a Xunta asumise as competencias sanitarias. Con Alberto Núñez Feijóo como secretario xeral do Sergas e José Manuel Romay Beccaría como conselleiro, Sanidade asinou un convenio co daquela bispo de Lugo, Frei Xosé Gómez, para fixar as condicións da asistencia relixiosa católica nos centros sanitarios públicos, ligando o número de capeláns á cantidade de camas hospitalarias.

O convenio coa Igrexa asinouse en 1995, con Feijóo como secretario xeral, e o bipartito prorrogouno

Aínda que na actualidade o conxunto da oposición galega reclama a fin deste privilexio, o certo é que aquel acordo expiraba en 2005, xa coa coalición de PSdeG e BNG na Xunta, que o prorrogaron. Na liña da escasa transparencia do Sergas a respecto da súa política de persoal a data de hoxe non é posible saber se as 52 prazas de capeláns están cubertas. O dato máis recente ao respecto remóntase a finais de 2013 cando, en resposta a unha pregunta parlamentaria dos socialistas, o departamento de Rocío Mosquera sinalou que daquela contaba con "41 capeláns cun custe total de 531.384 euros".

Capela do Hospital Universitario de Lugo © CYC Construcciones

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.