O concello de Pol, no interior de Lugo, conta con pouco máis de 1.500 habitantes repartidos en 19 parroquias, o 40% deles maiores de 65 anos. Desde hai máis de dous anos, a veciñanza viña desprazándose a Meira, Lugo ou outros municipios próximos para facer a compra nalgún dos seus supermercados. O único que había na localidade permanecía pechado logo da xubilación do matrimonio que o atendía.
Un convenio do Concello coa Deputación a través da Fundación Terras de Pol permitiu reabrir o único supermercado do municipio tras máis de dous anos pechado
Ata a semana pasada. O mércores 17 reabría en Mosteiro, capital municipal, un supermercado que agora é público. O establecemento reabriu as súas portas un ano despois de que o Concello, a través da Fundación Terras de Pol, adquirise o edificio onde se localiza a tenda. A compra e mais as obras posteriores para acondicionar o baixo supuxeron un investimento de case 400.000 euros, dos que arredor da metade foron achegados pola Deputación de Lugo.
A entidade provincial, a través da colaboración coa fundación creada por iniciativa municipal, achegou 200.000 euros para a posta en marcha do supermercado co obxectivo de que "a veciñanza do concello conte novamente cun servizo básico e esencial sen necesidade de se desprazar a outros municipios para mercar". O convenio permitiu adquirir o equipamento necesario para a apertura da tenda (cámaras de frío, caixas de cobro, mesas, portas e persianas automatizadas...) e para asumir os gastos de salario e seguridade social do persoal durante un ano.
A Deputación de Lugo achegou 200.000 euros para adquirir o equipamento necesario e asumir os gastos de salario e seguridade social do persoal durante un ano
Desde a pasada semana, e a través da franquía Spar do Grupo Cuevas, funciona xa con normalidade un supermercado que conta con tres traballadores, unha cifra que o Concello pretende elevar a cinco o vindeiro ano. "Está sendo todo un éxito e superamos as expectativas; igual non contabamos con tanta xente", conta o alcalde da localidade, o socialista Lino Rodríguez, figura clave na reapertura do supermercado polo seu empeño. "A acollida foi extraordinaria", insiste.
A reapertura foi "un éxito". "Superamos as expectativas, non contabamos con tanta xente", explica o alcalde, Lino Rodríguez
Tanto, engade, que provocou algún pequeno "problema". "Esgotáronse as existencias pero xa estamos repoñendo todo outra vez", explicaba a Praza.gal este venres, en medio das festas de Nadal que influíron nas elevadas vendas desta tenda situada no centro de Mosteiro, xunto a farmacia e perto da Casa do Concello. "O importante é que a veciñanza está contenta, porque o que máis interesa é que a xente non teña que andar desprazándose a mercar a outros sitios; aquí teñen de todo", explica o rexedor, que recibira duras críticas por parte do PP cando, hai un ano, decidiu a compra do edificio onde se sitúa o supermercado con fondos públicos.
A voceira do PP en Pol —tamén deputada e presidenta de Novas Xeracións en Galicia—, Nicole Grueira, cualificara daquela o alcalde de "irresponsable" e a Deputación de "cómplice", ademais de definir a operación como un "trapicheo máis" do rexedor.
Agora, desde o Concello non descartan habilitar vivendas sociais no piso superior ao que ocupa o supermercado e outro dos seus obxectivos é recuperar a histórica marca de embutidos Monciro, que desde a chacinería do supermercado elaborou durante anos botelos e chourizos de grande éxito comercial.
O Concello non descarta habilitar vivendas sociais no piso superior do supermercado e recuperar a histórica marca Monciro, que elaboraba embutidos na mesma tenda
Para o alcalde, a iniciativa de reabrir o supermercado coa axuda da Deputación é unha mostra do que poden facer as administracións polos pequenos e cada vez máis deshabitados concellos, precisamente tamén para fixar e asentar neles poboación. Pero tamén "un exemplo do que deben tomar nota moitos políticos e técnicos que desenvolven leis que fan que proxectos coma este sexa moi difícil poñelos a andar". "O que hai que facer é ampliar e facilitar estas iniciativas", explica.
"Fixar poboación tamén é isto: ter servizos, poder abastecerse no día a día no propio concello e vivir con dignidade", asegurou este sábado dende Pol o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, que fixo a compra no novo establecemento xunto ao alcalde. "Os socialistas non cremos nunha Galicia a dúas velocidades, nin nun país dividido entre o rural e a costa", subliñou o líder do PSdeG, que apuntou que este tipo de iniciativas "exemplifican a forma de entender a xestión pública" da súa formación.
"Ninguén veu aquí poñer cartos"
Así, asegura que o investimento na tenda "foi forte" e que "ningunha empresa veu a Mosteiro a poñer cartos" para un proxecto deste tipo. "Unha vez que está montado é moi fácil administralo", di con ironía o alcalde ao ser preguntado sobre a futura xestión do supermercado. "Durante o vindeiro ano 2026 seguirá tal e como está, dependente da Fundación Terras de Pol, e a partir de aí iremos vendo os pros e os contras de mudar o modelo", explica sobre un establecemento que abre de luns a sábado de 9:30 a 14 e de 17 a 20 horas e ten seccións de carnicería, chacinería, froitería e panadería.
"Manter servizos no rural é clave para fixar poboación, xerar emprego e mellorar a calidade de vida das persoas que aquí viven", explican desde o Grupo Cuevas, que destaca o traballo desta empresa, a Deputación e o Concello para poñer en marcha "un servizo esencial". "Iniciativas coma esta demostran que a colaboración entre administracións, entidades locais e empresas pode ter un impacto real e positivo no territorio", din.
Desde o Concello, o alcalde, Lino Rodríguez, destaca que coa posta en funcionamento do supermercado, Pol "ten todos os servizos básicos cubertos", pero os esforzos por manter vivo o interior e o rural non se lle esquecen. "Temos farmacia, centro de saúde, tenda... Pero segue a ser vergonzoso o tratamento que os municipios pequenos temos por parte das administracións", remata.