O TSXG obriga a Xunta a pagar parte da paga extra que lle recortou ao persoal laboral

Protesta de persoal da Xunta contra os recortes CC-BY-SA Merixo

O persoal público "xa se esforzou bastante". Esta frase, reiterada por Alberto Núñez Feijóo en vésperas das eleccións autonómicas de 2012, contrastou coa realidade poucos meses despois dos comicios, cando o persoal laboral da Xunta perdeu a súa paga extra de decembro pola aplicación dun decreto do Goberno central. Ese decreto entraba en vigor o 15 de xullo e, polo tanto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolve que a parte proporcional da paga, correspondente ao período comprendido entre o 1 e o 14 de xullo, ten que ser abonada.

O ditame xudicial é o resultado dunha demanda presentada polos principais sindicatos da función pública, que saúdan o resultado con satisfacción e que, di a CIG-Administración, "agarda que as sentenzas referidas ao resto de colectivos afectados, nomeadamente ao persoal funcionario, vaian no mesmo sentido", xa que o alto tribunal galego vén amosar que o recorte "se fixo de forma atropelada e sen fundamentos xurídicos de ningunha clase".

A Xunta ten que pagar a parte proporcional da paga correspondente ao período do 1 ao 14 de xullo

Non obstante, a secretaria nacional desta federación da CIG, Carme López Santamariña, lamenta que o TSXG "non entre no fondo da cuestión que se quería formular, que era que se elevase cuestión de inconstitucionalidade" polo "feito de que nons e aboase a paga extra". Así e todo, o ditame que vén de se coñecer supón "un paso moi importante", por ser "unha das primeiras sentenzas que se ditan neste sentido". "Agardamos -di Santamariña- que a Administración tome nota e repoña a parte correspondente da paga extra".

A sentenza tivo tamén eco na oposición parlamentaria. A través dun comunicado Alternativa Galega de Esquerda "celebra" o ditame xudicial que "obriga o Goberno de Feijóo, fiel mandado dos ditados da troika, a reintegrar a paga". AGE veu "denunciando reiteradamente o inxusto da medida", di a vicevoceira da coalición, Yolanda Díaz, para quen o Executivo debe "rectificar de inmediato as súas políticas de ataque á maioría social e ás traballadoras e traballadores", a comezar por "consignar nos Orzamentos de 2014 as cantidades necesarias para cumprir co ditame e reitegrarlles a paga aos empregados públicos".

Protesta de persoal da Xunta contra os recortes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.