O Valedor pide a devolución do estafado coas preferentes e que a arbitraxe non dependa do banco

Protesta de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

"Toda a sociedade é perfectamente consciente do ilexítimo e grave da actuación das entidades financeira que puxeron en circulación as chamadas participacións preferentes". O Valedor do Pobo vén de tomar partido no conflito da presunta estafa de cartos perpetrada por diversas entidades financeiras, en Galicia basicamente as antigas caixas de aforros, para reclamar a devolución dos cartos e a xeralización das arbitraxes sen que estas dependendan unicamente dos bancos. A institución dixida en funcións por José Julio Fernández ve probado que "en moitos casos a información trasladada" ás vítimas do engano das preferentes e subordinadas "creou a apariencia de que se trataba de meros depósitos ou instrumentos de aforro" polo que agora, di, cómpre a devolución da "totalidade do depositado" a quen foi "informado de xeito enganoso".

As investigacións realizadas polo alto comisionado "non fixeron outra cousa que confirmar as primeiras impresións sobre a certeza de moitos casos de fraude, tanto con "actuacións de oficio" como a través da información achegada por "numerosas" persoas afectadas. "Nas queixas presentadas na ofician do Valedor" as persoas reclamantes "coinciden en que, dada a relación de confianza que mantiñan cos directores e empregados das oficinas bancarias, actuaron no convencemento de que adquirían un produto financeiro seguro e que, no caso de que decidisen solicitar a recuperación total do capital investido, poderían dispoñer do mesmo".

O Valedor esixe "transparencia" nos criterios da arbitraxe e lembra que entidades como Novagalicia dependen do Estado

Neste contexto, o Valedor amosa o convencemento de que a arbitraxe de consumo é unha vía "útil" para solucionar o conflito, se ben lembra que está condicionada á aceptación ou non por parte do banco. Así, e tendo en conta que entidades como Novagalicia Banco están "participadas maioritariamente polo FROB", isto é, polo Estado, coida que unha "solución equilibrada para resolver sobre a aceptación das solicitudes de arbitraxe" pasa por que os criterios que a regulen sexan "fixados e xestionados por unha instancia pública e non soamente desde a propia entidade". Este criterios deben ser "obxectivos" e permitir que a arbitraxe se "xeralice". Ademais, sinala, "os reguladores -o Banco de España- deberían reclamar formalmente e, no seu caso, obrigar ás entidades, nacionalizadas ou non, a difundir amplamente os criterios aplicador para coñecer as propostas de arbitraxe promovidas ata agora".

O alto comisionado anima a Fiscalía a "explorar" a vía penal ao estar ante posibles "delitos de estafa ou doutro tipo"

Ademais de considerar "imprescindible un alto nivel de transparencia" na arbitraxe, o Valedor advirte de que "as persoas que opten pola vía xudicial deberían ter unha resposta áxil á súa demanda" sen "demoras indebidas". Neste sentido, ve "conveniente" que "a Fiscalía explore as posibibles responsabilidades penais, alén da vía civil", e con esta finalidade xa lle "remitiu á Fiscalía Xeral de Galicia escritos que especificamente mencionan este enfoque, coa fin de que o Ministerio Público investigue e coñeza a posibilidade de que se cometeron delitos de estafa ou doutro tipo".

E, quen ten a culpa de todo isto?  A "xeración e mantemento no tempo desta situación" ten como "principais responsables" aos "promotores e xestores dos produtos", isto é, aos bancos, "pero tamén ás autoridades públicas estatais que permitiron, naquel momento -as preferentes emitíronse entre 2003 e 2011-, que tal cousa sucedese sen unha intervención de control adecuada, especialmente o Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e o Ministerio de Economía. "Aos seus incumbe a obriga de que esta situación ou outras similares non se poidan dar no noso país no futuro", conclúe.

O Valedor, nun acto público recente © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.