O voto, concello a concello. 5 mapas para entender os resultados do 20D

Porcentaxe de voto ao PP, por concellos Dominio Público Praza Pública

As eleccións do 20 de decembro deixáronnos en Galicia uns resultados (PP: 37,12%. En Marea: 25,01%. PSOE: 21,33%. Ciudadanos: 9,06%. Nós: 4,32%) ben coñecidos por todos e todas. Estas porcentaxes de votos non se repetiron de forma homoxénea en todo o territorio, atopando en cada candidatura grandes diferenzas entre uns e outros concellos.

O mesmo Partido Popular que aínda se mantén por riba do 50% dos sufraxios en moitas localidades (sobre todo) da zona rural, cae por debaixo do 30% nunha vintena de concellos, principalmente das áreas metropolitanas das cidades. De igual xeito, En Marea é quen de superar o terzo dos sufraxios nun feixe de vilas urbanas e cidade, mais ten pendente a súa penetración nos concellos pequenos, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense.

Estes cinco mapas amosan a porcentaxe de voto acadado en cada concello polas cinco candidaturas que obtiveron mellores resultados o 20D, permitindo entender dunha ollada a súa distribución por todo o país. Unha distribución dependente, por riba de calquera outro factor, da idade media de cada localidade e, polo tanto, da maior ou menor presenza de poboación moza en cada lugar. Unha variable fundamental para comprender os resultados de En Marea, pero tamén de Ciudadanos. E, á inversa, tamén os de PP e PSOE. A enquisa preelectoral publicada polo CIS a pasada semana xa amosaba este dominio de Unidos Podemos e as confluencias de Galicia, Catalunya e Valencia entre os menores de 55 anos, tamén a fortaleza de Ciudadanos entre os menores de 45 (cunha intención de voto equiparable á de populares e socialistas) e o mantemento do bipartidismo entre os maiores de 65.

 

PP

O PP obtén as súas mellores porcentaxes na Galicia rural, sobre todo na provincia de Ourense (encabezados por Beariz e Avión, por riba do 80%), máis tamén nun bo número de concellos da zona centro e sur de Lugo (Begonte, Friol, Palas de Rei, Antas de Ulla...) e no interior de Pontevedra (Agolada, Dozón, Cerdido...). Pola contra, o mapa amosa cores máis claras (menores porcentaxes) nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol e Vigo, así coma en comarcas coma O Morrazo. 

Empregando o coeficiente de correlación, que permite analizar a relación entre dúas variables, vemos claramente como os populares obteñen os seus mellores resultados nos concellos cunha media de idade maior. O índice de correlación (0,6382722) achégase a 1, amosando unha correlación directa.

 

En Marea

En Marea, pola contra, obtén os seus mellores rexistros nesas mesmas áreas metropolitanas, en cidades como Vigo (33,94%) e en vilas como Cangas (40,18%), O Grove (35,5%), Moaña (33,84%), Redondela (33,37%), Fene (32,51%) ou Narón (32,39%). O mapa ten cores ben distintas nas provincias de Lugo e Ourense, onde agás nas cidades e en comarcas coma A Mariña, as porcentaxes son moito máis baixas, situándose por debaixo do 13% nun cento de concellos.

Neste caso, a correlación coa idade media de cada localidade é inversa e mesmo máis pronunciada que no PP: -0,79213615, o que indica que a menos idade, máis voto. Atopamos, igualmente, unha forte correlación inversa entre o voto a En Marea e o voto ao PP (-0,766999715), o que significa que onde unha candidatura obtén mellores resultados, a outra obtén peores rexistros (e viceversa).

 

PSOE

No caso do PSOE, a análise é algo máis complexa que nos dous anteriores, ao non atopar un desequilibrio tan grande entre a Galicia urbana e a rural. Mesmo así, o mapa reflicte unha maior fortaleza nos concellos do interior, sobre todo da provincia de Lugo, e cores máis claras en moitas comarcas da Coruña e Pontevedra, así coma algunhas zonas de Ourense. Pedrafita do Cebreiro é a localidade na que os socialistas obtiveron unha mellor porcentaxe (53,04%), mentres que só en sete concellos o PSOE baixou do 13%.

A relación entre estes datos e as idades medias dos concellos tampouco é tan acentuada coma nos casos de En Marea e PP. O valor de 0,223595273 amosa unha correlación positiva, pero próxima a 0. Hai tamén unha pequena correlación negativa (-0,374813329) entre o voto aos socialistas e aos populares e outra aínda máis pequena (-0,180892238) en relación co voto a En Marea.

 

Ciudadanos

O voto a Ciudadanos segue uns parámetros semellantes aos observados en En Marea: máis voto nas nas urbanas, menos voto nas zonas rurais. Porén, no caso do partido laranxa as súas porcentaxes son máis homoxéneas, ao non obter resultados espectaculares en ningunha localidade. Oleiros, Ames, Sada, Culleredo, Cambre e Teo, nas conurbacións da Coruña e Compostela, déronlle os seus mellores rexistros, entre o 12 e o 14 por cento. Pola contra, hai uns 130 concellos nos que Ciudadanos baixou do 6%.

As localidade nas que ao partido de Albert Rivera lle foi mellor son, claramente, aquelas cunha poboación máis nova. O valor do coeficiente (-0,723514159) así o indica. 

 

NÓS

Finalmente, NÓS, a candidatura liderada polo BNG, presenta grandes desequilibrios no seu voto, analizado concello a concello. Fronte a resultados moi bos, acadados en Vilar de Santos (40,47%), Moeche ou Allariz (ambos por riba do 20%), en moitas zonas do país os seus rexistros foron moi baixos: en 225 concellos baixou do 5% e en 125 mesmo do 3%. Neste caso, atopamos máis diversidade: escasas porcentaxes tanto en zonas rurais coma urbanas, e igualmente algúns números maiores en localidades dun ou doutro tipo, ligadas sobre todo á existencia de gobernos municipais liderados polo Bloque.

Nos seus datos case non podemos achar unha relación coa idade media dos concellos, unha relación que sería en todo caso lixeiramente negativa (-0,195854836), é dicir: a máis idade, menor porcentaxe de voto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.