O xuíz imputa a Baltar polos enchufes na Deputación

© PPdeG

A xustiza cerca a José Luis Baltar. O que fora presidente da Deputación de Ourense vén de ser imputado formalmente no proceso xudicial que a Fiscalía abriu contra el polos masivos enchufes realizados en 2010. O xuíz titular do Instrucción número un de Ourense, Leonardo Álvarez, imputa o ex barón un presunto delito de prevaricación continuada.

Baltar é imputado formalmente polos masivos enchufes de 2010

Así, o xuíz abre así xuízo oral contra Baltar e pide á Fiscalía e as acusacións particulares que formulen agora escrito de acusación. É imputado, xa que logo, polo mesmo delito que recollía a querela presentada polo fiscal xefe de Ourense, que cre o ex presidente da Deputación responsable dos enchufes de 104 persoas na institución provincial durante o ano 2010. O auto incluso vai máis aló, ao vincular estas contratacións masivas á vitoria do fillo de Baltar no congreso do PP ourensán, celebrado pouco tempos despois de que se confirmase a incorporación á Deputación de máis dun cento de persoas vinculados dun xeito ou outro á formación conservadora.

Ademais, a Audiencia Provincial rexeitou a paralización da querela, tal e como reclamaba a defensa, e pide que a investigación siga para aclarar os feitos e verificar se hai indicios de criminalidade.

Leonardo Álvarez non aceptou a reclamación do PSOE, que pedía que Baltar fose xulgado tamén por malversación. Do mesmo eito, rexeita imputar tres funcionarios aos que os socialistas tamén consideraban sospeitosos. Os socialistas van recorrer o auto para que se amplíe a acusación contra Baltar a outros delictos como malversación de fondos públicos e falsidade documental.

Hai unhas semanas o voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, acusaba a Baltar de "beneficiar a 8.000 persoas vinculadas ao PP dun xeito ou doutro" dende a presidencia do ente provincial. Gómez concluia que "de 700 persoas que traballan na Deputación, só hai 15 casos nas que non damos localizado ningunha vinculación do PP. Así é moi doado gañar eleccións; historicamente ese é o triunfo do caciquismo: cando peor está a xente é cando se recorre a este tipo de técnicas e iso é o que aconteceu durante máis de vinte anos mentres moita xente mirou cara a outro lado". O socialista engadia que "tamén estamos falando de cando había unha entidade financeira, que todos sabemos cal é [Caixa Ourense] e que tamén estaba controlada pola Deputación. Tampouco é unha invención nosa; é moi curioso que moitos alcaldes e cargos do PP nesta provincia traballan ou traballaron nesa entidade bancaria".

Protestas contra Baltar © Asemblea Aberta Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.