O xuíz pide o suplicatorio de José Blanco por tráfico de influencias

José Blanco, deputado do PSOE © Congreso dos Deputados

O xuíz que instrúe o caso Campeón no Supremo pediu ao tribunal que tramite o suplicatorio ao Congreso para actuar contra o ex ministro socialista José Blanco por tráfico de influencias, aínda que non polo delito de prevaricación que tamén lle imputaba o fiscal.

A decisión pode ser recorrida polo deputado socialista e ex ministro de Fomento ante a Sala Penal do Tribunal Supremo, que será a que confirme ou non a petición do maxistrado José Ramón Soriano, segundo adiantaron xa varios medios de comunicación.

O xuíz pide xulgalo por tráfico de influencias, pero non por prevaricación

No pasado mes de marzo, o ex ministro xa anunciara que no caso de que se solicitase o suplicatorio ao Congreso, el mesmo o apoiaría e presentaría a súa "renuncia como deputado".

O xuíz pide o suplicatorio para poder actuar contra Blanco, pola condición de aforado do ex ministro ao ser deputado do PSOE. O político galego pedira o sobresemento e arquivo do asunto, ao entender que non concorrían os dous delitos que solicitaba o fiscal e que ademais se estaban cometendo "graves irregularidades na práctica de dilixencias de investigación". Segundo a defensa do parlamentario, o fiscal apoia as súas acusacións "exclusivamente en dilixencias e probas, especialmente conversas telefónicas, que evidencian a comisión do delito, pero esquécese doutras, que poderían favorecer ao imputado, e que non as ten en conta".

O xuíz cre que a intervención de Blanco foi "determinante" para que o Concello de Sant Boi outorgase unha licenza a José Antonio Orozco

Nun auto feito público este venres, o xuíz concreta que a intervención de Blanco foi "determinante" para que o Concello de Sant Boi cambiase de actitude na súa decisión de outorgar ao empresario José Antonio Orozco a licenza ambiental necesaria para construír unha nave industrial. "Non é preciso que se especifique nos seus detalles a capacidade de influír do ministro e alto cargo do Partido Socialista nunha autoridade que pertence a un partido irmán, encomendando a realización dos contactos a un secretario de Estado do seu departamento, Isaías Táboas, que si pertencía ao mesmo partido que o alcalde de Sant Boi, o PSC", di Soriano.

O maxistrado refírese ás conversasque obran na causa e nas que Orozco fai mención á intermediación de Blanco para a construción da nave. "O seu significado gramatical e contextual é bastante claro", asegura. Lembra tamén que a xurisprudencia xa entendeu en varias ocasións que a afinidade política e o desempeño de certos cargos pode constituír unha forma de presión ou influencia na persoa que ten que ditar a resolución.

HABERÁ AMPLIACIÓN

José Blanco, deputado do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.