Ofrécese alcaldía. Razón: PP

Feijóo, coa candidata do PP en Rianxo e outros cargos do partido © PP A Coruña

"Pactos de perdedores", "gobernar perdendo", "gañar nos despachos" o que "se perde nas urnas" ou mesmo "aberración democrática". Son algúns dos cualificativos que na última década o PP lle dedicou aos gobernos de coalición, sobre todo cando os pactos entre forzas de esquerda sustentaron o goberno en lugares onde os conservadores lograran ser a forza máis votada. Os populares galegos, a comezar por Alberto Núñez Feijóo, continuaron despregando argumentos coma estes tras o 24M, comicios nos que sufriron o peor resultado da súa historia municipal en Galicia. No entanto, estas afirmacións conviven con movementos en varios concellos nos que os populares ofrecen a alcaldía a forzas que non foron a máis votada para evitar que outro partido ou plataforma estea no poder.

En, cando menos tres municipios, o ofrecemento de pactos pola banda conservadora tivo como obxectivo desprazar a forza máis votada. Un dos primeiros en transcender foi o de Rianxo, onde tras catro anos gobernando en coalición co PSdeG, o BNG logrou a condición de forza máis votada nestas eleccións ao sumar tres puntos de apoio mentres os populares perdían dez puntos e un edil.

Segundo informou La Voz de Galicia a candidatura que encabezou Vanesa Martínez deu en ofrecerlle a alcaldía ao PSdeG, terceira forza nos comicios, para evitar que o nacionalista Adolfo Muíños mantivese o bastón de mando. A idea sería que a candidata socialista, Mari Carmen Figueira, ostentase o goberno malia contar con só 4 dos 17 edís do Concello.Os socialistas rianxeiros rexeitaron a oferta conservadora e teñen sobre a mesa a posibilidade de reeditar unha coalición que apoia a asemblea do BNG local para asegurar a "estabilidade" do segundo mandato de Muíños. 

En Rianxo os populares ofrecéronlle a alcaldía ao PSdeG e en Betanzos, á 'marea' local para evitar alcaldías de PSdeG e BNG, respectivamente

Un movemento semellante, neste caso co PSdeG como prexudicado, é o que explora o PP en Betanzos. Atendendo á información que transcendeu nos últimos días os populares estarían a procurar que o socialista Ramón García Vázquez, cabeza da candidatura máis votada do municipio -que logrou 7 edís-, non poida repetir como alcalde. Para isto aproveitarían a fragmentada composición da corporación e ofreceríanlle a alcaldía á Betanzos Novo, a 'marea' betanceira que conseguiu unicamente 2 dos 17 edís do municipio pero que, nunha hipotética suma cos 6 concelleiros do PP, só precisaría o apoio dun edil máis para lograr a necesaria maioría absoluta.

En Moaña o ofrecemento conservador foi ao Bloque e en Moaña apostaron por facer alcaldesa á candidata do PSdeG, que é terceira forza e negocia un pacto cos nacionalistas

Os conservadores protagonizan, cando menos, un intento máis de desprazar a lista máis votada. Acontece en Mondariz, onde a formación local Alternativa por Mondariz foi a máis apoiada con case o 30% dos votos e 4 dos 11 edís en xogo. Alí o ofrecemento dos conservadores, segunda forza con tres edís, dirixiuse ao BNG, terceira forza con dous concelleiros, atendendo ao publicado por Faro de Vigo. Neste caso as expectativas dos populares tamén se frustraron, xa que a asemblea local do Bloque decidiu "renunciar votarse a si mesmo" para, segundo informou nun comunicado este domingo, "facilitar a investiudra do candidato de Alternativa por Mondariz, por ser a lista máis votada e conseguir, por fin, desbancar o PP do monopolio exercido no Concello de Mondariz".

Alén dos concellos onde os populares tentan desprazar da alcaldía a forza máis votada existe tamén un exemplo onde, sendo a candidatura con maior número de votos, o PP procura evitar un pacto que lle daría o bastón de mando ao BNG. Sucede en Moaña. Mentres o Bloque, segunda forza con 6 edís, traballa nun acordo co PSdeG que daría lugar a un goberno apoiado por 9 dos 17 edís do Concello, os conservadores formularon a posibilidade de poñer os seus votos á disposición da candidata socialista, Marta Freire, para convertela en alcaldesa malia liderar a terceira forza. Os socialistas comunicáronlle ao Bloque a oferta do PP e para o martes está prevista unha nova reunión da comisión que negocia un pacto de esquerdas no consistorio.

O alcalde de Rianxo en funcións e candidato do BNG, Adolfo Muíños, nun acto con Vence CC-BY-NC-SA BNG
O alcalde en funcións de Betanzos e candidato do PSdeG, con Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.