Olalla Rodil: "O BNG ten experiencia e medidas concretas para abrir un novo ciclo político"

Dominio Público Praza Pública

A SÚA QUENDA, SEÑORÍA

Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?

Abrir un novo ciclo político na Galiza que teña participación directa da mocidade e das mulleres, tamén daquelas persoas que vimos do rural e da montaña. Nestas eleccións temos a posibilidade non só de botar o Partido Popular da Xunta senón de abrir un tempo novo para o país e comezarmos a construír unha sociedade máis xusta, equitativa e tamén equilibrada territorialmente. Iso é o que me anima a presentarme

Por que a cidadanía debería votar por vostedes?

O BNG ten experiencia e un proxecto político deseñado con medidas concretas para abrir ese novo ciclo político do que falaba con anterioridade. Experiencia que deriva dos gobernos municipais e tamén do noso paso pola Xunta entre 2005 e 2009 no que as áreas das que fomos responsábeis supuxeron unha verdadeira mudanza política. Ademais, a respeito de Lugo, a foto fixa que reflicten as enquisas publicadas até o momento amosan que o voto ao BNG nas comarcas desta circunscrición son a garantía de que o Partido Popular perda a maioría

Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?

Sen xente non se fai país de maneira que o máis urxente é desenvolver o Plan Retorna que o BNG incorpora no seu programa electoral, un conxunto de medidas a deseñar en función das características de cada sector que permitan recuperar as condicións laborais e económicas óptimas para o regreso das máis de 100 mil persoas emigradas desde o PP voltou á Xunta en 2009, principalmente mocidade. Falamos por exemplo da Investigación. Este plan non só suporá maior poboación ocupada senón que contribuirá a frear a crise demográfica que atinxe o país, un dos principais retos políticos que Galiza ten por diante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.